Opinión

Afogar a pesca

Martxelo, Vicent, esta semana coñecemos un novo recorte que afectará gravemente o sector marítimo-pesqueiro: a Comisión Europea prohibirá a pesca de arrastre no 20% das áreas mariñas protexidas de cada un dos Estados da UE en marzo de 2024, coa idea de aumentar a porcentaxe ao 100% en 2030. Trátase dunha frota que na actualidade ocupa 128 buques galegos e que se viu reducida nun 26% na última década.

Este recorte vén precedido doutros dous: o veto á pesca de fondo en 87 caladoiros de augas comunitarias, que entrou en vigor en outubro de 2022, e o tesoirazo na captura de xurelo -unha das principais especies para a frota de cerco-, que pasa das 77.000 toneladas de 2022 a pouco máis de 3.000 en 2023.

Precisamente, o sistema de distribución da Política Pesqueira Común, baseado no principio de estabilidade relativa, vén supoñendo unha discriminación persistente para a frota galega, que desde 2004 perdeu ao redor de 1.400 barcos, ao pasar dos 5.600 do citado ano aos 4.200 de 2022.

Segundo as Táboas input-output pesca-conservas, do equipo dirixido polos profesores da USC Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro, o mar e as súas industrias representan un peso no PIB do 4,8%, cunha facturación que rolda os 12.000 millóns de euros, o que supón ao redor de 64.000 postos de traballo directos.

Porén, a política planificada desde Bruxelas non atende á realidade galega e nin Goberno español -sabemos o lonxe que fica o mar de Madrid- nin o galego defenden de maneira contundente os intereses da frota da Galiza.

Todo apunta a que os recortes que afogan a pesca agochan intereses económicos do lobby enerxético, ao que non lle chega con inzar o monte de aeroxeradores para engrosar a conta anual de beneficios.

No caso galego, até nove proxectos de eólica mariña -impulsados por empresas que pagan os impostos en Madrid- ameazan a costa e que saian ou non adiante depende do Executivo do Estado, que aprobará proximamente o Plan de ordenación da eólica mariña (POEM). Saberemos que acontecerá en cuestión de días.

Comentarios