Opinión

A vivenda como luxo

Martxelo, Vicent, o do acceso á vivenda é un problema que nos atinxe ás tres nacións. Esta semana coñeciamos a proposta do Goberno estatal para pór en aluguer social vivendas da Sareb. Un anuncio marcado, baixo o meu punto de vista, polo electoralismo, que chega tarde e que resulta insuficiente. Na Galiza, hai algo máis de 1.800 inmóbeis da Sareb listos para habitar. Na súa maior parte, son vivendas que proceden das extintas caixas de aforro, aquelas que protagonizaron un proceso de fusión falido baixo a batuta do "gran xestor" Feixoo e cuxa entidade resultante acabou sendo rescatada con fondos públicos –recuperáronse só pouco máis de 738 millóns dos máis de 9.400 millóns que se inxectaron nela para acabar sendo vendida a prezo de saldo ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet–.

O desleixo deste Goberno galego é tal que nada fai por favorecer a saída ao mercado de aluguer dos máis de 330.000 inmóbeis baleiros que hai na Galiza

O único modo efectivo de favorecer o acceso á vivenda é pondo no mercado inmóbeis protexidos nos seus diferentes réximes. Mais temos un problema: a falta de compromiso en políticas públicas de vivenda por parte da Xunta da Galiza. Dous datos: entre 2014 e 2023 tan só se puxeron en aluguer 144 vivendas protexidas e en todo o ano pasado, só 9. Isto tendo en conta que no rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo figuran máis de 11.000 demandantes.

O desleixo deste Goberno galego –lembremos que ten as competencias en materia de vivenda–, é tal que nada fai por favorecer a saída ao mercado de aluguer dos máis de 330.000 inmóbeis baleiros que hai na Galiza, un 20,6% do parque total (a porcentaxe media estatal é de 13,7%). Podería estabelecerse algún tipo de taxa que gravase estas vivendas... mais non se fai nada. Como tampouco se fai a respecto dos alugueres turísticos, que aumentaron un 3.000% desde 2017.

Feixoo fai promesas desde Madrid que non cumpriu nin de lonxe na Galiza, onde fican sen executar 2 de cada 3 euros en materia de acceso á vivenda. E segue a teimar coa okupación. Facía o mesmo cando era presidente da Xunta. Chama a atención a fixación cos okupas –houbo 101 casos en 2022– e que nin sequera faga mención ao problema dos despexos –1.523 en 2022–.

Comentarios