Opinión

A España profunda

A voz da España profunda deixouse ouvir cunha música diferente, pero coa mesma letra na última semana. Aos xa tradicionais chamados da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, sumouse o mandatario de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, quen manifestou atoparse “nun momento duro que me doe como español”, para rexeitar a política de Sánchez en relación con Catalunya, defender “unha iniciativa lexislativa que impida consultas que non afecten ao conxunto dos españois” e afirmar o carácter “indisolúbel de España”.

O presidente aragonés, Javier Lambán, seguiu a senda do seu compañeiro manchego, para lanzar a súa particular fatua. Defendeu que “o Estado, fronte aos intentos separatistas dos independentistas, non só non debe desarmarse, senón que debe rearmarse” e reclamou que “a gobernabilidade do país non dependa dos extremos, nin dos independentistas nin dos extremistas de ningunha orientación ideolóxica”. 

As declaracións de Ayuso, Page e Lambán son o termómetro das súas sociedades en tanto expresión da España hexemónica. A que loita contra o progreso desde hai séculos, a que ten medo ás urnas e anula resultados botando man da baioneta ou de togas cando non gusta deles, a que recorre á guerra e ao xenocidio do rival porque non é quen de dialogar.

A España que fala pola boca de Ayuso, Page e Lambán viste coa roupaxe do constitucionalismo, o uniforme de gala do españolismo, confeccionado nos cuarteis, primeiro por Prim, despois por Cánovas, e redeseñado polos gardiáns do réxime actual, que institucionaliza como dogma a “unidade da patria”, a divisa da reacción desde mediados do século XIX.

A conxuntura política actual non se explica sen entender o fondo da formación social española. Asistimos, Martxelo e Vicent, a unha actualización da axenda ideolóxica do españolismo, coherente coa súa formulación por parte das xentes do 98, para facer fronte á crise do réxime da II Restauración, esporeada pola actuación dos nacionalismos, fundamentalmente o catalán. As receitas volven pasar pola españolización, europeización, rexeneración e as reformas, o recorrente cuadrilátero da intelixencia mesetaria.
E, así, fechamos 2022. Que teñan unha boa entrada de ano e que 2023 sexa venturoso.

Comentarios