Opinión

1.000 números máis de 'Nós Diario'

Vicent, naceu da mellor tradición galega, aquela que abandeirou a aparición da prensa escrita na década dos anos 40 do século XIX da man de Antolín Faraldo e orientou cabeceiras como El Porvenir baixo a lenda de "Todo para Galiza". A mesma que pensou Manuel Murguía e Rosalía de Castro nas décadas seguintes e aboiou en letras de molde nas páxinas de La Oliva ou nos prelos de Compañel. Un fío azul de tinta que madurou e se fixo adulto coa xeración do 16, aquela que se expresou nas primeiras décadas do século XX nas páxinas da revista Nós, que congregou a un tempo Daniel Castelao, Vicente Risco ou Otero Pedraio.

Mirouse nos espellos dos grandes vultos que sentaron as bases do xornalismo galego moderno nos anos anteriores ao xenocidio de 1936. Antón Vilar Ponte, a crónica precisa nos grandes e pequenos medios da Galiza, de Europa e de América. Roberto Branco Torres, o xornalismo de flores e ferro, sen concesións e libre. Manuel Lustres Rivas, a pluma e o organizador de redaccións nunha prensa que trouxo a contemporaneidade ao país. Vítor Casas, redactor, editor e director de proxectos tan necesarios como combatidos. E, tamén, Johán Carballeira, o introdutor do xénero das entrevistas nuns medios escritos dispostos a incomodar, con tal de ser útiles.

Xurdiu do esforzo de centos de pequenos accionistas e milleiros de persoas subscritoras empeñadas en crear un medio de comunicación que non tivese máis ataduras e compromisos que a propia Galiza. No seu nacemento e singradura, non contou con máis apoio que o dunha base social desexosa dun medio que puxese por riba de todo a defensa dos intereses do país, achegando información contrastada que permitise interpretar con todos os elementos da análise a realidade. Resultou, así, da necesidade sentida e do esforzo colectivo para rematar coa anomalía histórica que tiña impedido até 2020 un diario galego.

Está para servir ao país e nel collen todas e todos os que día a día fan unha Galiza mellor. As súas páxinas están abertas e son propiedade de todas aquelas persoas que traballan polo desenvolvemento económico, social e cultural do país, creando riqueza nunha chave endóxena e sustentábel, apostando polo benestar mediante un compromiso sen concesións cos servizos públicos esenciais, defendendo unha Galiza decente, onde non haxa espazo para a corrupción e o trato de favor, loitando pola cultura como instrumento para o progreso e acreditando na lingua que nos é propia como ferramenta para comunicarnos e ser nós nun mundo globalizado.

É, como ben sabes e porque vós levades 28 anos traballando polos Països Cataláns coa "Revolución VilaWeb", Nós Diario, un medio de comunicación que chega ao seu número 1.000 en papel, pero que continúa en construción para seguir fornecendo información con máis calidade, seguir interpretando o país para entendelo mellor e seguir explicando o mundo desde a nosa condición de galegas e galegos. Un proxecto en construción empeñado en sumar máis persoas para facer con máis forza e incidencia xornalismo libre e crítico, afastado do clientelismo, sen máis donos que os lectores e lectoras e coa verdade como o único libro de estilo. Para esta tarefa de sacar á rúa outros 1.000 números máis de Nós Diario, sodes imprescindíbeis lectoras e lectores. En canto a VilaWeb, Vicent, moltes graciès polo apoio e axuda constante.

Comentarios