Opinión

Tan feminista non serás

“Pois tan feminista non serás cando fixeches a láser”.

Esta marabilla é real. Soltouma un rapaz no tuiter, esa rede do demo que me ten enganchada, porque ao final gústame baixar ao barro a pelexar, xa vén sendo hora de asumilo. A idea do imperfecto é dedución, porque nin foto de perfil tiña, pero o xénero masculino é un feito.

Non é unha frase illada, é toda unha corrente de mansplaining que percorre non só ás redes, senón a vida real. Señores -e señoras, que de todo hai- empeñados en capitalizar a realidade dun movemento diverso no que cabemos todos, aínda cando as nosas posturas nalgúns puntos poidan ser irreconciliábeis.

Son feminista dende sempre, aínda que tardei moito tempo en poñerlle nome á miña doenza, inocua pero nunca asintomática. Ben, inocua o mesmo tampouco, porque algún que outro problema me trouxo -e aínda me trae-. Como aquel mozo que se declaraba abraiado de descubrir que militaba na causa feminista “que son unhas desequilibradas”. Deixou de chamarme, que lle imos facer. Claro que eran os noventa, as cousas eran diferentes entón.

Eran? Pois o mesmo seguen a ser, porque o meu troll de tuiter non é un espécime único. Hai un ano, nunha festa de traballo, un colega achegouse para dicirme que non lle gustaba nada a miña tatuaxe. Non nos presentaran, nunca falaramos antes, pero este home considerou que a súa opinión sobre os adornos do meu corpo era non so pertinente, senón incluso necesaria. Rematou a xogada engadindo “é que ademais non che pega nada, con ese vestido e eses tacóns”. Ao parecer, a tatuaxe dun Memento Mori no ombreiro non combina ben cos Loboutin negros de 15 centímetros.

Non se me enganen, son consciente de que os estereotipos existen, e mesmo estou disposta a confesar que, cos anos, aprendín a empregalos ao meu favor, levando os lentes ás reunións nas que quero parecer máis solvente, sabendo que me imprimen un aire máis sabio -magoa que quede na superficie-. O que me preocupa é que as mulleres sigamos sendo obxecto dos mesmos con maior virulencia, nun século XXI no que as categorías tenden a desaparecer. Se non te declaras muller feminista, claro. Entón a categoría é un feito. E tamén un problema de evolución.

Porque o movemento feminista non é novo, e, como tal, conta cunha traxectoria de crecemento, cambios e correntes. Identificar o feminismo cunha muller solteira, de máis de 35 anos, sen familia propia, sen interese pola moda ou sen instinto maternal é unha vaguidade, ademais dunha estupidez. Que o movemento feminista maioritario dos 70 empregase a queima de suxeitadores como símbolo de rebeldía non quere dicir que, para ser feminista, teñas que renuncia a mercar e levar lencería bonita se iso che presta. Que as feministas sufraxistas de principios de século renunciasen á vida familiar en moitos casos non ten nada que ver coa ausencia de desexo da mesma, senón coa imposibilidade de atopar parellas masculinas á altura dunhas miras moi lonxe da realidade do momento. E que, no ano 2020, sigamos escoitando “tan feminista non serás cando...” cada vez que amosamos interese pola moda, gusto por unha práctica sexual específica, ou adición aos zapatos de tacón alto, é a consecuencia de mal entender -a meirande parte das veces, con toda a intención- os símbolos e as performance que permitiron ao movemento crecer e expresar a súa realidade un século atrás.

Non vou deixar de mercar pinta labios vermellos, e dende logo non teño a menor intención de deixar de usalos -ben, o mesmo durante un tempiño, porque coa máscara a cousa de pintar os beizos complícase bastante-, pero si que me gustaría non ter que volver pasar por un momento como aquel en 2009 no que, nunha xuntanza de traballo con diferentes colegas que eu mesma organizara, e na que era a única muller -sintomático tamén, para que negalo-, un dos meus compañeiros, mesmo rango, mesmo cargo, ao verme entrar no salón dixo “ai, estupendo, por fin, posme un café con leite, por favor?”. Sigo preguntándome por que non llo pediu a calquera outro dos moitos directores de comunicación convocados.

Comentarios