Opinión

En Sobredo tamén se dixo Nunca Máis

Faltan poucos días para o 28 de novembro, centenario dos sucesos de Sobredo, un fito na historia de Galiza, definito para a loita antiforal. Cando leo as páxinas da prensa da época que fan referencia ao movemento agrario non deixo de marabillarme; máis ou menos próximas, unhas, ás sociedades de obreiros agrícolas, como reza no estandarte de 1913 da asociación da parroquia de Parderrubias; máis ou menos próximas, outras, ao goberno, ao cacique, á igrexa de La integridad. Diario católico de Tuy. Son como libros abertos, ofrécennos espazos en branco para que reconstruamos o contexto, que no noso filme interior poidamos visualizar toda a capacidade de organización das labregas e labregos, a súa loita, naquelas primeiras décadas do século pasado en que convocaban os sinos das igrexas. No filme movemos a cámara e nese protagonismo colectivo épico entrarmos no fondo do cadro, mulleres, para lermos o relato maior; elas contra a suba da vida, os impostos e o caciquismo son protagonistas de motíns, folgas e vítimas da máis dura represión en Oseira, Nebra, Sofán, Maniños, Barallobre e en Sobredo. Na prensa forman parte da nómina das vítimas dos masacres, vémolas de lonxe ou de costas nas imaxes dos mitins agrarios, onde teñen voz Carmen Álvarez ou Elena Méndez, vinculadas desde moi novas co Directorio Antiforista de Teis (Lavadores) que nacera en 1909; entre unhas e outras establécese un diálogo, cantas veces serán elas as que leven a mensaxe á casa.

Se neste libro aberto iniciamos o capítulo de Sobredo, coas crónicas do xornal Galicia. Diario de Vigo, que tirara o seu primeiro número o 25 de xullo do mesmo ano, andamos os carreiros para chegar ao lugar do embargo; imaxinamos a garda civil a cabalo, as balas que se perden, as que feren e as que matan; non pode haber palabras e só rostros para mostrar o que lles vai por dentro cando caen polo chan, cando o sangue aboia en corpos mortos e feridos. Todo se precipita entre mans que claman ao ceo, entre as detencións que acontecen en Tui, a cidade calada como Joaquín, Venancio e Candida, o medo de quen non se atreve a ir ao seu enterro. Imaxino o médico dos pobres, Alejo Diz Jurado, con el entramos no fogar do mozo ferido de catorce anos, despois irá por outras casas, hai quen vai perder un brazo, Josefa Alonso, e de moitos golpes xa nunca imos saber. Sobredo o lugar desde onde a sociedade labrega dixo de maneira clara: foros Nunca Máis. Sobredo é o título da película, a terra para quen a traballa, do relato vivo, dignidade e solidariedade de quen esixe xustiza e pan.

Oitenta anos despois de Sobredo a cidadanía galega escribía outro relato épico, organizada en Nunca Máis contestou á mentira, á aldraxe de quen nos quería facer parvas, aqueles gobernos de cazadores sen vergoña. De novo páxinas de dignidade e solidariedade que percorreron o mundo.

Agora cen anos despois, Sobredo convócannos de novo para a defensa dos montes, das costas, contra a depredación das industrias eléctricas, eólicos, encoros, incendios, eucaliptización. Convócanos a memoria de Alejo Diz Jurado, fusilado en 1936, para defendermos a sanidade pública; Convócannos o mar e Marea Negra para abrazarmos a terra e berrarmos pola defensa do ensino público, como tamén reclamaban as sociedades agrarias. De aí vimos, no filme, de Sobredo.

Comentarios