Opinión

Sobredo, no rueiro

Celebrouse o centenario dos sucesos de Sobredo, ao Campo dos Mártires acudiu xente de moitos lugares, choveu, como case sempre. Chove e a terra está húmida, hai un frío que se mete no corpo e vai da punta dos  pés á cabeza, é algo que non se esquece, como se formase parte da celebración. Ás veces o sol chíscanos o ollo cunha raiola, só un instante. Este 27 de novembro choveu e coñezo moitas persoas de idade que non se achegaron, coñecen esa friaxe, como se ficase no lugar para sempre; como lles quedou na memoria todo o que lles contaron quen estivo aí, quen o viviu e non o puido esquecer. Pode que a friaxe sexa o medo que ficou no lugar, impresionaban as balas, os cabalos e tanta xente, que non se acorvardou. Foi a seguinte xeración, os fillos e fillas de Sobredo quen calou, quen non nos dixo nada, pensando que nada había que contar, que era mellor así. Mágoa da miña xeración, non sabiamos para poder preguntar tantas cousas. Para preguntar hai que saber, para querer saber é preciso que che conten do que pasou, un algo, como unha folla que vén polo ar, soa, e cae na beira dos teus pés; é o xeito de reparares nela, baixar a cabeza e descubrila; se a trepas non hai folla que resista, aínda que siga estando aí, debaixo das botas, como a verdade, quen sempre está aínda que se machuque. Faltou que nos chegara a folla, para poder preguntar. Teño tanta pena de min cando penso en que os meus avós sabían de Sobredo e de todo o que chegou despois, cando penso que non sabía nada para lles preguntar, teríanme contado.

Que se nos perde en Sobredo cada ano? Agora pararemos xa con iso, non? Non sei o que se nos perde, sei o que nos vive e en nós revive, un desexo de sermos pobo, de fuxirmos da soidade e da ineficacia do individuo agachado entre as paredes do seu corpo. Vívenos o desexo de compartir. De volver levar en procesión laica ese fermoso e único estandarte da parroquia de Parderrubias, que agardou oculto, como folla lonxe da bota, onde lemos 1913 e "obreiros agrigultores", estas dúas palabras que nunca se levaron mal e que teñen todo o sentido do mundo unha á par da outra. Vívenos prender a mecha da xuntanza, que é moito o que temos que arranxar, tanto como hai cen anos. 

Sobredo chega para dicirnos que están aí os de sempre, coas botas querendo tripar a folla. Están aí para nos desfacer os montes, para vendernos a enerxia eólica sen nos dar nada a cambio, para desfacernos a paisaxe e vendernos fume mar adentro. Están aí os mesmos que vivían a conta do foro, agora ex-presidentes no negocio da enerxia. Está aí quen embarga, quen bota ás familias das casas, desafiuzadas. O foro págase nas peaxes abusivas, na factura da luz, na valixa baldeira de quen perde a vida chegando, quen sabe como, á Europa dos soños. Sobredo está cando nos manifestamos na defensa da sanidade pública, sabemos que é preciso. O mesmo que reivindicou quen  estivo en Sobredo, segue a ser necesario no discurso político. Hai que seguir pedindo xustiza, liberdade e sacharmos. É preciso revitalizarmos con palabras novas o xénero humano, pola internacional.

Camiñarmos por unha rúa en Tui que leve o nome Mátires de Sobredo debe facernos pensar, quen vive alí, sabe que é importante. A memoria non desapareceu, a verdade non o vai facer nunca. Celebrémonos coa forza necesaria para desexar seguir mudando o que non é de xustiza, nin de pan.

Comentarios