Opinión

Sabemos amar

Unha tableta de chocolate na despensa sempre me abre a fome, non da que roe no estómago de estar sen comer. É a fome do premio. A onza de chocolate que baila dentro da boca e acariña o padal, que  vai camiño abaixo e chega ao estómago, é alimento-adobío para o espírito. De Jose e Carla recibín como galano unha tableta de chocolate, agora téñoa na man, non está na despensa e ficou nun recanto da mesa onde escribo, á beira dos cadernos para anotar a vida e dalgúns dos libros que acompañan nesa vida, sempre con Follas Novas. Un presente especial, onzas envoltas nun papel onde se le: En pleno uso das nosas facultades mentais, Casamos!! Unha tableta de chocolate que é un convite, que lembra: “Xa sei que vas vir, pero avisa por si acaso”. Avisei e fun.

Había moito tempo que non ía a un voda, non só pola pandemia, ando con moita xente que non casa ou, se o fai, celebra dunha maneira máis íntima e coa familia máis achegada. Houbo cerimonia relixiosa e foi na catedral de Tui. A praza acolleu a quen só viña tomar o vermú e ver a xente que ía á voda, a quen ía a voda e decidiu ficar fóra e tomar o vermú, e a quen agardou a chegada do noivo e da noiva e entrou na catedral. As vodas sempre teñen algo de representación e, neste caso, o escenario non podía ser máis fermoso, iluminado polo sol. O noivo vestido cun traxe de gala, acompañado da madriña que era a nai, vestida de vermello, nun BNW 745, e chegou a noiva, sen retraso, nun Citroën Ds Palas, cun vestido branco e cuns zapatos dun azul lapislazuli, entrou acompañada do irmán e da Marcha do Antigo Reino da Galiza.

O cura que oficiou o casamento foi Victor Bargiela, párroco de Santa Comba de Ribadelouro e todo foi en galego, e este feito, que tería ou podería ser normal, converteuse nun feito excepcional. Misar na lingua do pobo que é o que fai o párroco de Ribadelouro é dignificar o pobo que cre e a lingua que fala. Casar en lingua galega como Carla e Jose na catedral de Tui é tamén saber amar o que se é e de onde se vén. Nada era raro en galego na catedral de Tui nesta voda. Nuria tocaba o órgano e a música tamén era celestial. “Si me dan a elegir, me quedo contigo”, un galano de Jose para Carla, que interpretou Noelia Solleiro que nos parou o aire coa súa voz e aplaudimos.   Moito o lamentou quen ficou fóra co vermú. O español foi a anécdota.

O banquete e festa foi na Quinta do Cruzeiro en Áncora, onde seguimos a falar a lingua que, dun lado e do outro, se entende e, despois de todo viñamos da Galiza, ese nome tamén oficial e lexítimo.

Oito persoas en cada mesa e as mesas tiñan nomes: “Follas Novas”, “Contos do Miño”, “Cómaros verdes”, O Porco de pé”, “Lili sen pistolas”, “Cousas”, “A Esmorga”, “Merlín e familia”, “De catro a catro”, “Amor de tango”, “Adiós María”... Eu comín nunha mesa que se chamaba “O prognóstico da lúa”.... Jose foi alumno meu de literatura no século XX, hoxe é garda civil, fala un galego do Baixo Miño exemplar. Este 9 de outubro vivín un día feliz nun mundo normal.

Na miña mesa segue a tableta de chocolate, non quero comela, con Jose e Carla, podemos dicir na lingua de nós que en Galiza sabemos amar. 

Comentarios