Opinión

A Rosa Incandescente

Curros Enríquez dixo que Rosalía de Castro pertencía ás persoas que levaban na fronte unha estrela e no bico un cantar. El, anticlerical, sinalou que rezaba pola pobre da tola e non tiña quen rezase por el. Pobre tola, dúas palabras que habitan nas entrañas e dialogan coa louca, de quen murmuran plantas, fontes e paxaros, En las orillas del Sar. Loucura, que desde a palabra, sitúa as mortais na súa propia (a)normalidade.

Rosalía brilla co seu nome no firmamento, debe entrar nas aulas e nas nosas casas, para nos levar da raíz ás flores da roseira, do estripeiro onde agroman as rosas de hoxe. Anxos García Fonte converteu a Rosa en Incandescente e non pode haber unha imaxe máis fermosa nin máis radical: A Rosalía de Castro moza na Galiza actual, que reclama xustiza e dignidade para o pobo.

Querida, LV, García Fonte é profesora de Lingua e Literatura Galegas, no IES Breamo de Pondedeume, aprobou as oposicións connosco no ano 1988. Anxos e mais eu eramos moi novas, nacidas en 1964; ti, algo máis maior, poida que hoxe xa estarías gozando da túa xubilación. Anxos está pensando na retirada das aulas, é difícil resistir se a sociedade non valora o ensino. Todas nós iniciámonos no traballo naquelas folgas de PNNs, o Persoal Non Numerario, denominación que hoxe non aparece nin na rede. Anxos e mais eu e moitas máis seguiremos protestando pola dignidade da profesión e pola defensa do ensino público.

Mais Anxos, feliz profesora explicando a obra rosaliana, quería deixar un legado para as novas xeracións, froito da súa xenerosidade: unha escritora para que a sintan no buraco do estómago, nas entrañas, A Rosa Incandescente. Ese galano marabilloso é unha curtametraxe de 27 minutos nacida dun seu guión; un filme cun magnífico equipo de profesionais, que lle dan vida ao que a guionista pensou no seu diálogo coa autora de Cantares gallegos e co seu alumnado. David Vázquez, director, e Bruno Máez, director de fotografía conseguen trasladarnos ao século e o mundo onírico da poeta, interpretada por unha moza, Alba López, que se transforma (de verdade) na autora, un dos grandes acertos do guión. O vestiario de Ana Gesto, os pendentes de Susi Gesto, a elección do atrezzo de Alicia Fernández e o Pazo de Sabadelle, atrápannos; Tamara Lorenzo fainos sentir a música, que nos leva, como dirías ti, ao outro lado: a poesía.

Un filme custa moitos cartos que Anxos nos regala con todo o aforrado e cunha axuda só do Concello de Chantada. A fita debe percorrer os centros de ensino, as asociacións culturais, os ateneos e esta tamén é a nosa obriga, a das vellas PNNs e a das novas xeracións, se a admninistración non responde. Benzón, Anxos.

Hai escenas que conmoven mentres un pano vermello paira sobre o territorio de nós, escenas das entrañas onde están as palabras que se queiman. Rosalía morre un 15 de xullo e ti, LV, naces un 15 de xullo e eu non podo deixar de pensar en vosoutras, cando leo Curros visionario, antiimperialista e contra a igrexa, tan actual, Na tumba de Rosalía.

Mais dorme, Rosalía, mentres tanto
N-as almas mingoa a fe y-a duda medra
¡Quén sabe si deste recinto santo
Non quedará mañá pedra con pedra!
¡Quen sabe si esta tumba, n-ese dia,
Chegará á ser, tras bélicas empresas.
Taboleiro de yankee merceria
Ou pesebre de bestas xaponesas!

Comentarios