Opinión

O nome e a identidade

Lévolle dando voltas á importancia que teñen os nomes, case sempre se chega ao mundo con eles e, de non ser así, nas primeiras horas de vida cando se vai asentar o neno ou a nena, xa está o nome elixido; non é raro que no rexistro se anote a nova criatura dunha maneira e que despois se lle chame por outra, tampouco o é que como nos chaman vaia mudando como mudamos nós. O que se nos puxo, vai crecendo connosco. Nomes que se acurtan na infancia, que crecen na madurez ou ao revés; nomes que se afastan moito daquel co que as persoas que os levan foron inscritas ou nomes que arredados da primeira intención regresan a ela e ocupan o lugar principal na campa da sepultura.

A onomástica ten moito que ver coa identidade, a antroponimia e a toponimia non son calquera cousa. Velaí, Galiza, a palabra, pola que aínda nos  sinalan. Velaí, a decisión da autora para elixir o nome, ou deixalas sen el, das personaxes das novelas, das obras de teatro. Velaí, todo o que pode evocar un lector ou unha lectora detrás de As certezas de Ofelia ou dos nomes cos que foron sinaladas as vítimas na Teoría de xogos, nesa partida coa vida entre as afinidades electivas. Velaí, a preocupación no mundo da publicidade, da empresa, do capital, onde o nome da marca sempre é importante.

Lévolle dando voltas, ao nome de quen xa non vai responder á chamada, nomes na memoria ou nos cupos da familia, como sinalaba o benquerido Avilés de Taramancos, e velaí a identidade do seu nome, que vivirá mentres sexa lido, como Harar. Lembrei, cara Luísa, aquela vez que nun deses descontentos pola realidade que nos tocaba vivir, sinalabas a miña sorte: “ Mentres Marga Romero se enfada, Marga do Val, suaviza”. Rimos coa ocorrencia, e das razóns polas que ti destinabas, unha para o enfado, e a outra, para suavizar.

Ti, tiñas un nome para asinar no banco e a túa poesía, e para ficar na campa. Así que eu, non me preguntes as razóns, decidín que me vou dirixir a ti como LV, (aforrar caracteres é importante). Si, a partir de agora, nestas columnas-epístolas, que só teñen a intención de homenaxe e o desexo que non morre de seguir dialogando contigo, chamareite sempre LV, un nome que tamén suaviza, mentres o tempo transcorre e é difícil durmir tranquila con todo o que nos anda ao redor.

 LV, sentirías a dor da rosa de Hisroshima, do poema de Vinícius de Moraes, na voz de Ney Matogrosso, pensarías nas crianzas mudas telepáticas, nas meninas cegas inexatas, nas mulleres rotas alteradas, na rosa hereditaria, na rosa que apodrece Palestina. No mundo minguou a verdade.

LV, mentres seguimos agardando para poder ler coas Chaves do tempo na man, para enredar coa Teoría dos xogos, coas Certezas de Ofelia, para oír cantar a Lisis, cóntoche que entre tanto desacougo creo que fixen cunha cousa certa, solicitei ser admitida como socia do Museo do Pobo Galego, un Museo que revitaliza a nosa identidade.

Propóñoche una libro que ten que ver co que somos. Tamén somos o que imaxinamos, imaxinación legada en herdanza, que nos axuda a nos comprender cando imos crecendo. Fáloche do libro Lendas e contos da bisbarra de Santiago de Mª Aurora Lestón Mayo, que nos pon diante dos ollos, con palabras atinadas e unha lingua de marabilla, o mundo mítico que une terras e pobos. Unha mestra, a autora, no oficio de contar, un libro  de sede nova e auga milenaria.

Comentarios