Opinión

De mans dadas pola vida

Hai vinte anos escribía unha columna no semanario A Nosa Terra sobre os autobuses portugueses que levaron a moito alumnado de Galiza á Costa da Morte, fronte a todas as pexas que ideou a Consellería de Educación daquel goberno de Manuel Fraga para impedir a cadea humana organizada polo colectivo do ensino Areanegra. Profesorado e alumnado, apoiados por Claustros, Consellos Escolares, ANPAS, venceron todos os obstaculos e escribironVIDA na praia de Traba cos seus corpos e de mans dadas agarimaron a costa que ía desde a vila de Laxe até a praia de Lourido en Muxía.

Corenta quilómetros de Costa, máis de corenta mil persoas, case novecentos autobuses, galegos, asturianos, de Castela e portugueses, permitiron esa enorme cadea humana na costa, con imaxes tiradas desde o ceo á terra, que emocionan aínda hoxe, que percorreron o mundo. Nos centros ficou o alumnado de primaria que fixo as súas respectivas cadeas humanas alí mesmo ou nas prazas das vilas, nas praias de Samil ou da Lanzada; tamén o alumnado de secundaria sen bus. Lembro a colectividade do Instituto de Ponte Caldelas, catrocentos alumnos e alumnas, que coas súas mans denunciaron a represión e a censura que exercía a Consellaría de Educación.

Imaxes do ensino fronte á mentira dos gobernos de España e de Galiza. Un ensino de ver e oír, de aprendizaxe na contorna e na realidade. Unha magnífica organización fronte á improvisación gubernamental para manexar o barco e aqueles hilillos. Pasaron vinte anos desde aquel 22 de xaneiro, que debía de se celebrar como o Día da Dignidade do Ensino, fagámolo posíbel. Que debía de se tratar como materia interdisciplinar, un modelo da aprendizaxe por proxectos: A catástrofe do Prestige desde a Ecoloxía, a Ecomomía, a Historia, a música, a literatura e os valores cívicos. Nunca Máis foi un berro organizado e creativo con ponlas como Burla Negra ou Areanegra; un movemento de cando a sociedade galega foi desobediencia civil fronte ao poder. 

É interesante lermos os números do semanario A Nosa Terra, nese ano enteiro, desde o novembro que aínda doe do 2002 até o do 2003, como sería emocionante deterse naquela xoia dixital que foi Vieiros que realizara un seguimento magnífico da cadea humana. É importante termos medios de comunicación que nos escriban, que conten desde nós. No número 1075 de A Nosa Terra afírmase que o mundo educativo está en guerra. Estivo contra a circular da Consellería que prohibía pendurar nos centros carteis de Nunca Máis e Non á Guerra, en que nos metera Aznar e contra a que protestamos.

O profesorado estaba acusado da manipulación política do alumnado, coma hoxe, daquela protestou. Abríronse expedientes. O País de Nunca Máis foi revolución e chegou a Madrid, a Bruxelas; andou mundo sen redes sociais. Unha circular como a do ensino mandouse aos centros de saúde. As ameazas repetíanse: á mariscadora Esther Rivas, a Paula Carballera censuráronlle contos no Concello da Estrada, o Concello de Ourense prohibe dicir Nunca Máis a unha compañía teatral de Valencia, nos premios Max de teatro en Vigo...

O alumnado estaba aí, como agora: para saír da aula, para tomar a praza e andar e aprender a terra. Para liberarse do chapapote mental que mata o desenvolvemento da intelixencia e da creatividade. Canto máis hai que agardar? Motivos hai para nos coller das mans.

Comentarios