Opinión

As flores de Emila Álvarez Sotelino

Amemoria non é de quen a rouba, xa que aínda que iso pareza, a memoria non pode ser roubada. Ás veces está aí no fardel de quen a custodia e agarda para volver ao mundo coa súa propia voz, para que a historia ocupe os capítulos e as liñas tantas veces amputadas.

O 25 de outubro de 1946 Josefa García Segret, autora de Abajo las dictaduras!! (1982), escríbelle unha carta que se pode ler nesa obra, a Emilia Álvarez Sotelino en Mondariz, como humilde testemuño do seu agradecemento polos coidados dedicados a ese anaco de terra que garda os restos duns SACRIFICADOS, por defenderen os dereitos da humanidade. Xa se cumpriran dez anos do asasinato do seu esposo, Hipólito Gallego Camarero e dos seus compañeiros, cando Josefa se achegou por vez primeira a aquela fosa común onde os enterraran en Mondariz, despois de lle pegaren un tiro no amencer no 4 de outubro de 1936, á beira do río Xabriña, onde estaba o vello matadouro.

Os outros compañeiros sacrificados foron: Francisco Rodríguez Otero, Domingo Páramos Núñez, Manuel Piñeiro Zúñiga, Manuel Pérez Besada e Fernando Rubio Estévez.
Josefa comezaría o seu encarceramento o mesmo 4 de outubro na cadea de Tui, que continuaría  polos penais de Saturrarán e de Palma de Mallorca. Sairía en liberdade o 22 de marzo de 1944. No tempo en que estaba presa non tiña ninguén a quen lle dicir: “visitádeo por min, que eu non podo, atada como me atopo”. Por iso, agradece tanto esa ofrenda de flores dedicada desde o primeiro momento a ese anaco de terra que algúns miraban con desprezo.

É Alberte Reboreda, quen me axuda a localizar á familia da muller que leva as flores á fosa: Emilia Álvarez Sotelino. Falo coa súa neta, Emilia Morado Álvarez, léolle a carta de Josefa a súa avoa. Emilia emociónase e cóntame que seguro que lle levaba flores porque a elas tamén lles mataran un irmán. O irmán era Saturnino Álvarez Sotelino, que se asentou como mecánico no Porriño e é un dos asasinados na volta da Moura con Victor Valverde Mayo e José Juan Teijeira Coto, o 5 de agosto de 1936; nese lugar onde hoxe hai tamén un monumento, onde a Asociación Levada Libre pon flores todos os anos.

Agradézolle a Emilia, a fotografía que me fixo chegar, a única que ten da súa avoa, que morreu moi nova aos trinta e seis anos, e que figura coa súa nai aínda nena, Rocio Morado Álvarez.

En 1948, Josefa e mais Isaura Gómez, viúva de Francisco Rodríguez Otero, exhuman os restos dos seus homes enterrados na fosa de Mondariz. Josefa enterra a Hipólito na Guarda, no panteón da familia de María Álvarez Álvarez, coñecida como María das Auroras. Non sabían nesa altura que os restos dos compañeiros que ficaban na fosa serían trasladados no xoves santo de 1959 ao Valle dos Caídos, sen lles comunicaren nada ás familias. Hoxe Eva e Aurora nestas de Domingo Páramos Núñez e de Manuel Pérez Besada agardan o regreso dos seus restos para que sexan soterrados en Caldelas e Guillarei respectivamente.

Naqueles tempos poñer flores na fosa común duns fusilados era un acto revolucionario, un deber e, sobre todo, era poñerlle tamén flores ao irmán fusilado e a todos. Hoxe lembrarmos Emilia Álvarez Sotelino emociona, mais tamén cómpre recollermos o seu testemuño e sermos remuda na reparación da memoria, tamén da súa figura: a custodiante da fosa dos mortos no matadouro de Mondariz.

Comentarios