Opinión

En concreto, o ciclo do libro

Dous meses de guerra en Gaza, é un titular de prensa para resumir todo un conflito que nos fixo crecer pronunciando a palabra Palestina. Todas as segundas feiras hai unha manifestación en moitas das cidades do país para querermos a palabra e o seu contido, para convocar a xustiza internacional e o dereito de ser terra con nome. Non sei se Palestina está no libro de texto dalgunhas desas máis de dez materias que ten o alumnado da ESO, non sei tampouco se as bibliotecas e as librarías visibilizan libros que traten a causa Palestina... Os libros e as súas vidas son importantes.

Marabíllanme moitas ilustracións que nos fan ver e comprender o ciclo da auga; marabíllanme moitas realizadas por rapazada ben miúda, imaxes da nube, da chuvia caendo no chan, hai algunhas en que case sentimos o vento zoar, a neve a se derreter e o niño abandonado na maceira a se enchoupar. Que ben comprenden desde o principio da vida o camiño da auga! Por iso me vin na obriga de lles explicar o ciclo do libro. Se Alexandro, un neno de 2º de ESO, poño por caso, quere ler Velloucas e Minchas de Lorena Conde, da Editora Cuarto de Inverno, só publicado en papel, ademais de que llo dean como agasallo, ten como posibilidades: mercalo nunha libraría, procuralo nunha biblioteca ou que alguén llo preste. O que non debería nunca é fotocopialo, nin topalo pola rede subido a ningunha plataforma e pagar por poder lelo. Mais Alexandro entrou en scribd, e velaí o libro, fotocopiado páxina por páxina, baixo a responsabilidade dunha persoa que cobraba por cada lector ou lectora. Unha persoa que é unha ladra que rouba a mercadoría e racha o ciclo do libro. Grazas a Alexandro o libro xa non está nesa biblioteca dixital.

Ti coñeces, Luísa, o ciclo do libro: a autora escribe, presenta o libro a unha editorial; se hai acordo e asinan un contrato, despois de editalo, sae a súa publicación; unha distribuidora lévao ás librarías que son quen o vende. A aula de Alexandro é quen debe averiguar a porcentaxe que reciben: autora, editorial, distribuidora e libraría.

Cando unha autora falece os dereitos do libro van en herdanza e segue o seu ciclo, se ninguén tira pola obra é como se o libro morrese con ela, chega un día que, esgotado, xa non estará nas librarías e poida que non se encontre en todas as bibliotecas. Chega un día que xa non se vai ler a autora.

É decembro e tempo de Beléns, a min gústame moito a obra do escultor Arturo Baltar, as súas figuras de arxila policromadas moradoras de altares e de tabernas, nun diálogo entre o profano e relixioso, como no seu fermoso belén de Ourense, onde alentan en homenaxe algunhas mulleres de A esmorga, aí onde a cidade do neno Blanco Amor abraza e visibiliza, Auria, a cidade que o escritor nos regalou.

Luísa es unha figura á beira de Rosalía de Castro, Murguía e Luz Pozo Garza no nacemento da cidade da Coruña. Gustaríame pedirlle á alcaldesa, para seguir o ciclo do libro, que a cidade da Coruña da nena Luísa, reciba o libro En concreto; que fale coa túa familia, a túa herdeira, para que a escritora Luísa Villalta en homenaxe, á Cidade Alta, que nos regalou, reciba a homenaxe que merece: que o libro entre en todas as casas.

É de xustiza que as persoas moradoras da cidade gocen da escrita de En concreto, polo ciclo do libro, pola túa vida, autora, pola túa obra, pola Coruña.

Comentarios