Opinión

Aquí seguimos con toda a ilusión

Sei, Luísa, que me entendes cando afirmo que o primeiro en quen pensei o día 19 de febreiro foi nas traballadoras e traballadores da RTVG que levan chamando a nosa atención xa hai moitos venres, 301 semanas, máis de 2093 días e máis de cinco anos. Lémbrannos que a radio e a televisión para a que traballan son medios públicos ao servizo da cidadanía. Protestan contra a manipulación e a censura, que é o mesmo que dicir contra o uso e abuso dun goberno que utiliza os medios públicos ao seu servizo, é dicir para que se nos conten as cousas como lle vén en gana e como mellor lle convén.

Non sei, Villalta, se Alfonso Sánchez Izquierdo seguirá como director xeral da CRTVG, cargo que ostenta desde maio de 2009; ostentación, a súa, quen non permitiu que saíse adiante nin o estatuto profesional, nin o Consello de Informativos, que se reclama.

Eu pensei o domingo nesta loita dos venres negros, que é moi longa, que seguirá estando aí e que precisa non só da nosa solidaridade, precisa da nosa colaboración, do noso compromiso, da nosa mobilización. Mentres tanto directivos da CRTVG declaran por un presunto delito de acoso laboral no xulgado de Compostela. Veremos que ocorre e a repercusión nos medios, polo de agora sabemos que Sánchez Izquierdo declarou e que tamén o fixo Manuel Casás Macías, coordinador do Servizo de Prevención da compañía. Cómpre que mentres agardamos vistamos esa camisola negra e que digamos alto e claro que,  todas e todos, formamos parte do colectivo @DefendeAGalega.

Despois pensei nas persoas máis maiores, sobre todo nas miñas maiores, na ilusión que lle transmitiu Ana Pontón, as súas conviccións firmes, a defensa dos intereses do país, con razóns e sen mentir, na verdade de corazón en cada palabra. Así foi, LV.

Pensar nas maiores, nas que non o son tanto e nas criaturas máis miúdas, obriga a pensar na asistencia sanitaria, nesas citas que levababan meses agardando e que unhas semanas antes das eleccións tiveron data no noso almanaque; tamén nos e nas pediatras que se precisan; nas enfermas de oncoloxía, no seu dereito á vida e non na perda de dereitos. Lembrei os coidados paliativos, na atención visitas que recibiu meu pai antes da súa morte, vai para quince anos. Tamén me veu á cabeza aquel grupo onde incluíran parte da miña familia, con antecedendes de cancro de colon, para lle facer un seguimento, do que hai anos que non sabemos nada. Aquí seguimos para defender a sanidade pública.

Aquí para reclamarmos a mellora da educación pública, menos alumnado por aula e que se lle pregunte ao profesorado, ao que nunca se lle fai caso, como se pode mellorar, nesta educación que hoxe non ten os pés na terra, un sistema obsoleto que desertou da escrita a man e da conciencia crítica.

Estamos no camiño, Galiza, tivo uns resultados bos, agora o que importa é seguir aprendendo,  para que non nos enganen, para sabermos o que nos convén como pobo. Antes do día 18 de febreiro dicíase que había partido, despois, fíxose evidente que hai país. E aquí seguimos, con moita máis ilusión, para defendermos a terra, desde o monte ás rías, a lingua que nos identifca e a palabra que nos abraza, tamén por ti e polas chaves do tempo: Galiza.                                                           

Comentarios