Opinión

O primeiro día de Merkel como presidenta da Xunta de Galicia

Nada máis sentarse no seu novo despacho de San Caetano, a primeira decisión que tomou Angela Merkel foi de índole estadística. Aquel 26 de decembro de 2021 converteuse no primeiro día que o Sergas publicou os datos de novos contaxios por coronavirus.

Merkel rematou co truco de maquillar as cifras publicando só a evolución dos casos activos, indicador que camufla a verdadeira evolución ao restar as curacións aos contaxios. A nova presidenta da Xunta foi máis aló. O gabinete de comunicación recibiu orde de publicar os contaxios non só no conxunto do país, tamén desagregados por provincias, áreas sanitarias e incluso concellos.

O certo é que moitos alcaldes da dirección do partido que a rescatara da xubilación anoxáronse. Os máis ousados atrevéronse a chamar á Nécora, suplicando que alguén fixese entrar no rego á nova fichaxe. "Non vos dades conta de que os turistas marchan dende que o Telexornal contou o de Sanxenxo? De que queredes que viva a xente aquí, do turismo ou do ingreso mínimo vital? Só hai unha parella de vellos que volveu de Suíza para o San Roque e xa están na casa!", protestou un dos edís que colapsaron a centraliña.

Helge Braun non puido evitar rirse cando leu a noticia nun pequeno breve, no fondo dunha páxina impar do Frankfurter Allgemeine Zeitung. "Motín frustrado contra Merkel no seu primeiro día ao fronte de castigada rexión española", rezaba o titular. O ex xefe de gabinete da Bundeskanzleramt fungou: "Seica estes galegos non se fixaron ben en que foi física cuántica no Instituto Central de Física-Química da RDA durante dez anos".

De seguido decatouse de que esta broma era porque, no fondo, a noticia lle resultaba incómoda. Braun lembrou o mal que o pasara naquel marzo de 2020. Até a rolda de prensa extrarodinaria do día 11, ningún líder se atrevera a poñer o foco naquelas porcentaxes, que apuntaban polo baixiño a maioría dos epidemiólogos e enarboraban, con pouco éxito, uns poucos dos seus colegas. De seguirmos así, pode infectarse entre o 60 e o 70%, advertiu a chanceleresa.

Cando temos medo, a gran maioría acepta someterse a calquera medida ou líder que os convenza de que eles e os seus se poden salvar

A letalidade do coronavirus non é a da varíola hemorráxica, anda polo 3,5%, pero faga vostede mesmo as regras de tres. Se en Compostela ten uns 100.000 habitantes … infectaríanse uns 60.000 e morrerían uns 2.100. Regras de tres que tamén calcularan as presas en Moncloa. "23 millóns de casos e case un millón de mortos!". Daquela, rememora Braun, tamén se colapsaran as liñas de teléfono, en concreto as que tiña que atender el. "Que pretende? Afundir toda a Unión Europea? Antes do verán vai estar todo controlado!".

Como é que a poderosa capitá da CDU, a última líder de peso da defunta UE, acabara aceptando a oferta dun desesperado e empobrecido länder español? Aos moitos xornalistas que llo preguntaron, Braun explicaba a sorprendente retorno de Merkel como produto de dúas emocións, o medo e o atractivo do poder.

O do poder éralle doado de entender, ao fin e ao cabo el coñecía de primeira man o grao de adicción que pode trabar quen o alcanza. Tamén lle era doado de explicar, aínda que en Alemaña a prensa nunca lle pedira aclaracións, se cadra por pudor.
O do medo entendíao, pero menos; e resultáballe moi complicado de explicar. Entendía que funcionaba, pero non aspiraba a ser quen de aclarar como.

Os conservadores usamos o medo cando alertamos que a esquerda defende papeis para todos e os comunistas usárono para acabar cos outros na RDA lembrando as pantasmas de Weimar. Hai séculos que a igrexa usa o medo, con grande éxito, cando nos ameaza con arder eternamente de non seguirmos as súas regras. Cando temos medo, a gran maioría acepta someterse a calquera medida ou líder que os convenza de que eles e os seus se poden salvar, por moito que contradigan os seus valores ou crenzas anteriores.

Un muro na fronteira, xubilarnos aos 67, purgar os xudeus, un cura que nos perdoe ou vivirmos encerrados durante meses. Incluso unha líder estranxeira que nos prometa rescatarnos a base de algo tan exótico na política galega como a transparencia e sentido común.

Comentarios