Opinión

O dilema nuclear de Crimea

Os gobernos de Ucraína e Rusia deben declarar xa unha tregua e non levantarse da mesa até acadar a paz. O resto de estados deben apoiar esta saída. Calquera outra postura é inmoral. 

Inmorais tamén son os que nos presentan o próximo intento de reconquistar Kherson como un simple test das opcións ucraínas de derrotar os rusos ou se, polo contrario, non merece a pena que os europeos pasemos frío este inverno. Tratan a guerra como se fose unha partida de Risk.

Noxentos son os propagandistas que nos presentan a loita a vista de dron, en curtas que parecen vídeos musicais. Móstrannos a suposta precisión e capacidade das armas que lles financiamos e ocúltannos a dor e a morte que axudamos a inflixir. 

Só os que non viviron unha guerra ou aqueles que son tan estúpidos ou inconscientes para non ler dabondo sobre ela poden abordala con tal frivolidade. Na mesma saca metería os evanxelistas que a definen como a simple consecución de fins políticos mediante a violencia.

É moral financiarlles unha guerra, pero só até o punto que a nós nos interesa?

Hai pouco viralizouse unha conferencia do ex embaixador en Xeorxia. José Antonio Zorrilla enarborou a tese de que nas relacións internacionais non existe a moral, só hai intereses. Polo tanto, sería absurdo culpar o Kremlin da invasión porque está defendendo o que cre é seu.

A perspectiva deste diplomático é útil para distinguir entre as causas reais -o medo que lle ten Putin a acabar coma Gadafi, por exemplo- e as escusas rusas. Agora ben, asumir de xeito acrítico o punto de vista de que as relacións internacionais, ou as persoais, son meras competicións egoístas métenos nun camiño moi perigoso. A perspectiva amoral achéganos a un escenario no que a exterminación é só cuestión de tempo.

Ese é o gran tema que os medios e o rabaño obvian porque dá demasiado medo. Os nosos gobernos financian a guerra pero non somos quen de meterlle o dente ao que sinalan como único culpábel, Putin, porque, claro, ten armas nucleares. Mesmo lle pagamos as balas cada vez que enchemos o depósito.

Convencernos para sempre do inasumible risco que supón a existencia de armamento capaz de acabar co planeta en cuestión de minutos é o único bo que podemos sacar deste conflito.  

Calquera intento de construír relacións internacionais pacíficas implica necesariamente que a ONU teña capacidade de usar a violencia. Así, podería castigar persoalmente aos señores da guerra, porque eles sempre son os primeiros culpábeis e maioría dous seus vasalos vítimas inocentes. Con todo, as oxivas atómicas fan inviolable a Putin, como axudaron a sentirse inviolables a outros creadores de guerras inxustas. Por exemplo, George W. Bush.

Hai quen defende as armas nucleares porque din que evitaron que a URSS e os EEUU acabaran destruíndonos na III Guerra Mundial. Este argumento paréceme miope. 

Iraq e Ucraína móstrannos até que punto un mandatario protexido polo poder nuclear pode sentirse invulnerable. O problema é que esa sensación é un espellismo. É cuestión de tempo que algún destes maníacos se vexa entre a espada e a parede. Ollo, pode que sexa pronto.

Canto se tarda dende Kherson -que Occidente espera que Ucraína reconquiste este verán- até a fronteira con Crimea, que para o Kremlin é parte de Rusia? Dúas horas en coche, catro en tanque.

Noxentos son os propagandistas que nos presentan a loita a vista de dron, en curtas que parecen vídeos musicais

Que fará Putin se Ucraína entra en Crimea? Tal derrota implicaría non só a súa morte política, probablemente tamén a súa morte física. Ademais de décadas de ruína para Rusia. Se excluímos a moralidade, o acaído para Moscova sería, como mínimo, detonar, por exemplo, un mísil táctico. Con sorte no mar, pero que o fungo nuclear se vexa dende Odessa. 

Debe Occidente deter Ucraína se a fronte rusa colapsa? Se fósemos ucraínos, renunciariamos a reconquistar parte do noso país? É moral financiarlles unha guerra, pero só até o punto que a nós nos interesa?

Moralmente, son dilemas insolubles; algo que confirma que a guerra non resolve conflitos, seméntaos. Pode que desta volta zafemos, pero mentres haxa armas nucleares, acabará sucedendo. En Sebastopol, Taiwan, Pionyang ou Dimona.

Comentarios