Opinión

A UE opina: mellor Milei que Fico?

Hai nervios en Europa. E hai nervios e algunhas dúbidas na Comisión Europea. Tras o grave atentado contra o primeiro ministro eslovaco, Robert Fico, a prensa de referencia deixou ver, de novo, o seu estilo de confrontación. As descricións de Fico como populista e pro ruso, co que iso significa actualmente, estiveron a punto de colocalo como culpábel, en lugar de vítima. Como dixeron varios comentaristas nas redes, "a Occidente só lle faltou aplaudir".

Desde a ruptura, Eslovaquia ben mostrando unha tendencia cara a esquerda, máis acentuada que o seu antigo socio, a República Checa. En parte, débese á distinta actitude dos comunistas que gobernaron o país durante décadas. Os de Eslovaquia mantiveron sempre unha relación máis diáfana coa poboación. O Partido Comunista checo, en cambio, tiña sona de ser o máis dogmático de toda a Europa do leste. 

Dubcek, o hoxe esquecido líder da Primavera de Praga, era eslovaco. Antigo guerrilleiro fronte aos nazis, a súa fórmula de apertura recibiu o nome de "socialismo de rostro humano", pero acabou frustrada ante as imaxes dos tanques soviéticos en Praga, o que provocou rupturas e desilusión entre moitos membros dos partidos comunistas occidentais.

Alexander Dubcek sostiña que a disciplina comunista podía ser entendida noutras latitudes, pero que nos países socialistas máis desenvolvidos e con tradición de debate político era preferíbel un sistema máis aberto. Con todo, en plena guerra fía, Moscova non quería correr riscos e a experiencia acabou mal.

Na Europa do leste rexía un sistema de "soberanía limitada", algo implicitamente recoñecido polos líderes soviéticos, o que significaba que eran eles os que tiñan a última palabra ante calquera suceso de importancia nos países da órbita.

O curioso era que ese concepto explicaba tamén, en certa medida, o que sucedía na parte occidental. En Italia, o veto ao PCI manifestouse, por exemplo, no atentado de Boloña, de cuxa responsabilidade moitos acusaron a unha rede vinculada á OTAN.
Volvendo aos tempos actuais, o certo é que Eslovaquia vive unha forte división interna. Xunto con Chequia, é considerada área de influencia xermana. Lembremos que o praguense, Kafka, escribía en alemán. A ira e os embustes inundan día a día a prensa. Fico non quere a guerra e intenta non sumarse ao espírito bélico que comeza a ser consigna e palabra de orde en Berlín, Bruxelas e, non se diga, Londres.

Na Comisión Europea convive o medo á extrema dereita, que pode gañar nas próximas eleccións, cun apoio tácito. O cumio de Madrid, coa reunión de Milei e bastantes dos principais empresarios españois apunta por aí.

Para entender o plan, abonda con ler a crónica do ascenso dos fascismos, hai case un século. As técnicas propagandísticas son case as mesmas. Dise que o debate gáñase non polo que si di, senón cando se consegue impoñer a axenda. E hoxe aquí, tanto o centro dereita, como o centro esquerda, están a dar pasos, cada día, de aceptación dese perigoso marco imaxinario. 

Comentarios