Opinión

Por que unha parte da esquerda apoia agora os Estados Unidos?

Dentro da esquerda do título non inclúo neste caso o Partido Socialista, americanista cando menos desde Suresnes, a pesar dos seus iniciais titubeos co referendo da OTAN. Pero hai outra esquerda moi activa, moi combativa no ámbito que o marxismo chamaba superestrutura. Unha parte dela é hoxe proamericana, en contra da súa tradición. Por que?

En primeiro lugar trátase dunha esquerda moi vinculada á cultura de masas, unha cultura de masas anglosaxona na música, norteamericana no cine e nas series e cada vez máis anglófila na literatura. Ese marco cultural xera afectos e os afectos e sentimentos determinan, máis que a razón, as nosas actitudes políticas, sobre todo porque operan de forma soterrada e case inconsciente.

Hai xa moitas décadas que os cidadáns europeos somos, non totalmente, pero si en boa medida, fillos dos mitos estadounidenses. Trátase dunha realidade. Nada temos que ver coa cultura asiática, un pouco coa rusa, sobre todo a través da música e da literatura do XIX, moi emparentadas coa francesa da mesma época. Ademais, desde a II Guerra Mundial, e sobre todo, desde os anos oitenta do pasado século, os nosos principais referentes teñen cada vez menos que ver con Alemaña, Francia ou Italia.

O segundo motivo que leva a esa parte da esquerda a enrolarse intelectualmente nas filas da OTAN sobreponse ao anterior e está moi vinculado á súa forma de entender a ética. Unha ética, e uns dereitos individuais, cada vez máis en boca dos grandes medios, ultrasensíbel e xeneralizábel a todas partes, pero que en realidade resulta abstracta, é dicir que oculta o seu carácter histórico e construído, como nos mostrou Foucault, e que ademais convive moi ben co extremo egoísmo, coa precariedade, con múltiples formas de violencia, cunha competencia salvaxe e coa anulación de calquera política emancipadora (tomo esta reflexión de Badiou, do seu ensaio A Ética, da que hai tradución ao galego en Noitarenga).

A ética da que oímos falar cada día é así algo tan venerábel, no sentido de algo que merece ser respectado pero que non é demasiado terreal, como pouco consistente na práctica. A ética que vemos podería ser representada coa imaxe da alma que fuxe dos corpos pintados polo Greco, é dicir inaprensíbel e polo tanto manipulábel. Abóndalle con ser interpretada constantemente e a conveniencia pola cultura de masas que mencionamos no primeiro punto.

O terceiro elemento que condiciona esta esquerda é a confusión, o cambio de paradigma. Ante a mudanza histórica que se está a producir, non só se modifican certos consensos, senón que ademais non nos serven as mesmas palabras. E, ás veces, as vellas palabras adquiren distinto valor.

Pensemos na palabra tradición. Certos costumes antigos, con partes boas e tamén malas, serven para manter a harmonía mínima nas sociedades asiáticas e árabes. Tamén as Igrexas xogan un papel comunitario en sociedades modernas como os Estados Unidos. Pero isto é algo que non cadra coa nosa mentalidade laica e ilustrada. Con todo, esta esquerda e sobre todo os medios mainstream condenan unhas tradicións ao mesmo tempo que toleran e valoran outras, por exemplo a dos fanáticos armados israelitas, como unha nota de cor, como unha mostra de diversidade cultural.

A palabra soberanía, polo demais, resulta hoxe un termo máis práctico para entender as contradicións a nivel mundial que a palabra esquerda, o que non significa que esta última deixe de ter sentido.

Creo, en fin, que estas razóns, explican, cando menos en parte, a irritación que sofre ese sector da esquerda do que falamos. A confusión, recoñecida ou non, xera angustia e evolucións políticas insospeitadas. Zizek, no prólogo a Terrorismo e comunismo de Trotsky, cita o tránsito dos promotores da revista Partisan Review desde o comunismo ao trotskismo, para converterse despois en órgano dos liberais partidarios da Guerra Fría e, en última instancia, solidarizarse con Bush na Guerra contra o Terror.

Comentarios