Opinión

O PP, un partido vitorioso, pero sen ideas e sen iniciativa

Ao día seguinte das eleccións, na terraza dun restaurante de nivel medio alto, dous homes brindaban con cervexa, con estas palabras: "Porque conseguimos quedar como estábamos". Ese brinde é o fiel reflexo do que representa o Partido Popular. En realidade, é outra versión do seu propio lema: "A Galicia que funciona". Pero non hai anuncio máis exacto do declive dun partido que o carecer de iniciativa política. 

O PP funciona por inercia. Tivo moitos votos, pero ningunha proposta, ningunha idea. Até o vello Fraga sacaba de cando en vez do armario algunha iniciativa pomposa. O capital do PP hoxe consiste en dicir que outros o farían peor.

A súa baza, case a única, é o medo ao cambio. Todos os humanos temos medo aos cambios. Por iso, as grandes viradas políticas adoitan producirse despois dalgún suceso inhabitual ou traumático, mal xestionado polos dirixentes do momento. Unha grande inflación, por exemplo, como sucedeu hai pouco na Arxentina; a vitoria de Zapatero tras o atentado de Atocha ou o éxito do bipartito en Galiza, algo despois do Prestige. En ausencia dun impulso dese tipo, a nosa predisposición conservadora adoita impoñerse.

O BNG é quen neste momento articula a postura e a actitude contrarias. O que mostraron estas eleccións é que o Bloque xa non se representa só a si mesmo. O notábel resultado que obtivo non é só o froito da boa acollida do seu programa, senón que é o reflexo do dinamismo que existe no conxunto da sociedade. En Galiza, tamén entre moitos dos que votan PP, hai ideas, proxectos e iniciativas, varadas ou conxeladas por ese medo inconsciente ao cambio, que o PP non só abandeira, senón que promove e do que tira esaxerado proveito. 

O PP non é un partido de Estado, senón un partido estático. E o BNG non representa só o soberanismo, representa o dinamismo. Só esta razón explica que nestas eleccións se achegase ao medio millón de votos. E aínda máis que non se lle albisque un teito electoral. 

O 18 de febreiro foi clarificador, sobre todo no sentido de que os nacionalistas mostraron que son os que máis desexos e máis esforzo poñen para que Galiza saia do marasmo, para que se desenvolva e se modernice, non só no sentido económico, senón tamén no social. 

Outros, o PSOE, privilexiaron a estratexia de salvar ao soldado Sánchez, intentando queimar a Feixoo. E outros máis, Sumar e Podemos, dedicáronse con torpeza a competir entre eles, tendo no maxín, tamén e unicamente, o escenario estatal. O BNG, cunha nova pero experimentada xeración, estaba en bo lugar para converterse na alternativa á indolencia do PP.

Os populares non camiñan cara a ningures. O seu presidente titubea. Vivir baixo o seu goberno é como visionar un episodio de The Walking Dead. 
A metáfora dos mortos viventes parece a máis adecuada para este partido que só é capaz de reproducirse a si mesmo.

Comentarios