A ilustrativa guerra de Canudos
Os tempos actuais, cheos de confusión e de mesturas políticas que non acabamos de entender, teñen, por suposto, o seu precedente na historia, e sen que haxa que ir moi atrás. Hoxe imos comentar o caso dos que poderiamos chamar "populismos", por denominalos dalgunha forma. Referímonos aos vandeáns que se rebelaron contra a revolución francesa; aos italianos do sur, sempre cun pé fóra do nacente Estado italiano ou ao carlismo en España. O problema de todos eles, e de moitos outros que houbo por toda Europa e polo resto do mundo, é que nunca encaixaron no esquema, demasiado ríxido, da nosa análise política.
Máis en concreto, vou referirme á Guerra de Canudos, que tivo lugar no Brasil a fins do século XIX, e que causou a morte estimada duns vinte mil campesiños e de sete mil soldados.
A gran historia de Canudos escribiuna, pouco despois de que sucedesen os feitos, Euclides da Cunha. O libro titulouse: Os sertões. Campanha de Canudos. Unha obra extensa, de sintaxe moderna, pero de estilo barroco, que comeza falando da xeoloxía, a orografía, o clima e a flora deste case deserto, situado no interior do Estado de Bahia, para finalmente pasar a describir as batallas que tiveron lugar. Trátase dunha obra emblemática da cultura brasileira.
Moitos anos máis tarde, Vargas Llosa trataría a mesma historia, pero xa de forma convencional, na novela La guerra del fin del mundo.
Canudos é a confrontación entre o Estado e a poboación, mestura de razas (en terminoloxía da época), que habitaba esta área semidesértica en condicións de gran pobreza. O conflito ten lugar, non casualmente, despois dunha longa seca que pon ao límite da supervivencia milleiros de persoas. Estas son as condicións que aproveita unha especie de santón, practicante dun cristianismo fanático, para construír unha comunidade igualitaria, case diriamos unha comuna protosocialista, na que colaboran exemplarmente antigos bandidos moi populares na zona, con fanáticos e sobre todo con milleiros de familias abandonadas pola sorte, a sociedade e o Estado.
A nacente república brasileira envía o exército para poñer fin á rebelión, pero a loita será ardua. A mestura, na que hai indíxenas, negros, brancos e mulatos, móstrase moi resistente. Alí, conta Vargas Llosa, combaten todos, incluídos os nenos e as mulleres, para opoñérense ao censo –que podería ser aproveitado pola administración para volver ao sistema de escravitude–, e tamén contra o sistema métrico decimal e a nova liberalidade relixiosa. Desde a capital consideran que os ricos monárquicos bahianos, partidarios da autonomía da rexión, están detrás da revolta, algo que ninguén consegue demostrar.
Como nos outros conflitos mencionados ao principio, trátase dunha loita entre o centralismo republicano, de virtudes modernas pero demasiado abstractas, e un pobo que se considera ignorado e que bota man dos instrumentos que ten para defenderse, aínda que moitos deles resulten, aos nosos ollos, absurdos ou contraditorios entre si.