Opinión

Autonomía ou separatismo?

Escoitei o deputado de Bildu, Oskar Matute, pedir máis diñeiro para o País Vasco dentro do reparto dos prometidos fondos europeos, criados con motivo da Covid. O Estado será o encargado de facer as asignacións e, aínda que Euskadi ten un concerto especial, tamén recibirá algunha destas cantidades. 
Oskar Matute argumentaba en función das características da súa comunidade. Mentres o escoitaba, comecei, non obstante, a pensar que discursos semellantes se escoitaban a cotío tamén de boca de deputados valencianos, cataláns ou galegos.

É un tipo de dinámica que comezou a facerse visíbel durante a última lexislatura en minoría de Felipe González, sobre todo tras as negociacións con Pujol. 
Algunhas autonomías piden diñeiro a cambio de votos nas Cortes. Un procedemento, desde logo, non exento de lóxica. Máis ou menos é así como se chega a moitos acordos nos organismos internacionais. 

Pero tampouco é difícil entender que esta clase de funcionamento figura tamén entre as causas do incremento do apoio ao centralismo que estamos vivindo. Para bastantes cidadáns, as autonomías crean forzas competitivas e egoístas que carecen de visión de conxunto e que, de seguir así, acabarán por converter España nun estado ruinoso.
É dicir, estamos ante un problema de funcionamento e de interpretación, difícil de resolver e fácil de explotar demagoxicamente polos dous lados.

A guerra civil, iso si, xerou boas ocasións de negocio para tratantes de gando e outros alimentos

A casualidade quixo que, ao tempo que escoitaba a Matute, estivese a ler un texto de Xoán Carmona, o gran historiador da economía galega. Era un texto dedicado sobre todo aos séculos XIX e XX. Nel podemos ver como unha parte importante dos problemas económicos da nosa comunidade está relacionada cunha mala política institucional ou, sobre todo, cunha ausencia de política institucional. Á par doutro tipo de erros e carencias, pesou sempre moito a disfuncionalidade de Galiza no conxunto de España. 

Carmona lembra como, por exemplo, a concentración parcelaria, ao estilo da que se desenvolveu en Dinamarca a finais do século XVIII, “nin sequera estivo nos plans dos lexisladores liberais da época”. Ou como a pesca, que ocupaba a comezos do XIX un papel importante na economía galega, “non foi obxecto de ningunha atención no novo ordenamento xurídico”. 

A Galiza chegou tarde o ferrocarril, de modo que a relación comercial co levante facíase en barcos de cabotaxe. As comunidades de montes, pola súa parte, non eran recoñecidas polo ordenamento xurídico español, o que provocou dúas cousas: a expropiación dos dereitos das comunidades campesiñas e o tipo de repoboación forestal que hoxe aínda padecemos.

Galiza maniféstase moitas veces como un corpo magro pero contrafeito e sen cabeza rectora

Os prexuízos causados tocan todos os campos e períodos. A inexistencia dunha rede peninsular de alta tensión non permitiu aproveitar desde o inicio as nosas posibilidades hidroeléctricas. A guerra civil, iso si, xerou boas ocasións de negocio para tratantes de gando e outros alimentos, igual que para os armadores de pesca e os conserveiros. Varias das fortunas así orixinadas deron lugar a algúns dos principais grupos económicos que aínda subsisten.

En 1951 establecéronse as Tarifas Tope que fixaban os prezos eléctricos unificados, de modo que Galiza pagou os custos sociais e ambientais dos encoros pero non tivo ningunha compensación. Certo que houbo algunhas destacadas intervencións positivas do Estado, por exemplo a través do INI. Pero o balance é sen dúbida de desatención. 

Houbo crecemento, pero tamén unha agricultura que pasou o franquismo en situación estancada –Galiza incluso se reruralizou–, houbo desaproveitamento das nosas vantaxes naturais e segue habendo casos de desenvolvemento pouco harmónico. Galiza maniféstase moitas veces como un corpo magro pero contrafeito e sen cabeza rectora. E isto é o que anima a pensar que, fronte as tensións que xera o Estado autonómico, tal vez a soberanía podería converterse nunha alternativa razoábel, cando menos desde o punto de vista do aproveitamento e asignación dos recursos. Claro que é difícil analizar hoxe a situación desde a racionalidade cando o españolismo está a vivir un dos seus momentos máis exaltados.

Comentarios