Opinión

Falta coherencia, coordinación e vontade política para acabar cos restos do franquismo (I)

Nos últimos meses aprobáronse en distintas institucións de Galiza iniciativas para a retirada de rúas e distincións a significados franquistas, golpistas ou cargos públicos da ditadura: ministros de Franco, falanxistas, gobernadores civís, presidentes de deputacións, alcaldes etc.

Sabemos que a dereita, o PP no caso de Galiza, é a principal responsábel de que continúe esa simboloxía franquista, mais é evidente a falta de coherencia, coordinación e vontade política por parte das organizacións políticas de esquerda, que gobernan en concellos e deputacións galegas, para acabar cos restos do franquismo após 13 anos da aprobación da Lei de Memoria Histórica.

A Deputación de Lugo retira os retratos dos presidentes desa institución na ditadura, pero na Deputación da Coruña seguen eses retratos no salón de plenos do palacio provincial.

Ferrol e Cedeira retiran a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida na ditadura, pero mantén esa distinción para a provincia da Coruña, concedida pola deputación en 1965, o mesmo que Verín (1964), Tui (1968); Fraga ten tamén a Medalla de Honor de Santiago (1965). Os concellos da Mariña (Ribadeo, Barreiros, Foz, e Viveiro, entre outros) acordaban nunha reunión o 29 de novembro de 1964 entregar conxuntamente a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo da Mariña, que aínda conserva. Pouco despois do falecemento de Fraga, Antón Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, declaraba en xaneiro de 2012: "Fraga foi distinguido na Mariña no franquismo e deben retirarse esas distincións coa Lei de Memoria Histórica".

O ministro de Franco Gonzalo Fernández de la Mora (Fillo Adoptivo desde 1973) perde a distinción en Cedeira, pero a mantén en Pontevedra desde 1972, e en Ferrol desde 1973. Outro ministro de Franco, Pío Cabanillas Gallas, é Fillo Predilecto de Pontevedra desde 1967. Santiago aínda ten como Fillos Adoptivos a 20 ministros da ditadura.

Sada retira ao significado franquista Pedro Barrié de la Maza unha avenida, a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1922, e o nome dun colexio, pero continúa como Fillo Adoptivo de Ferrol (1967) e O Barco de Valdeorras (1947); da nome a unha avenida na Coruña, Medalla de Ouro (1963), Fillo Predilecto (1950) e Medalla de Ouro da provincia da Coruña (1971).

O falanxista e participante na represión Enrique Salgado Torres, perde a rúa en Ferrol en 1981 (hoxe ten o nome de Alcalde Quintanilla Martínez, asasinado polo fascismo), pero aínda ten unha avenida na Coruña dá nome a un colexio e é Fillo Adoptivo da provincia desde 1970.

As Pontes retiraba a Medalla de Prata en 2009 ao falanxista e ministro de Franco, José Antonio Girón de Velasco, e A Coruña a distinción de Fillo Adoptivo desde 2010, pero a Deputación da Coruña mantén esa distinción desde 1950. O concello de Lugo retiraba ao falanxista Antonio Pedrosa Latas a Medalla de Ouro en en 2015, pero é Fillo adoptivo de Vigo desde 1955 e da provincia da Coruña desde 1953. 

A Coruña retiraba a distinción de Fillo Adoptivo en 2010 ao golpista e Capitán Xeneral de Galicia na ditadura, Francisco Delgado Serrano, pero Pontevedra mantén esa distinción desde 1967 ao golpista e Capitán Xeneral na ditadura Ángel Ramírez de Cartagena.

Comentarios