Opinión

Biografías secuestradas (VI): José Pérez-Ardá

José Pérez-Ardá y López Valdivieso, nado na Coruña o 15 de xullo de 1913 era un avogado que, con rango militar, participa en consellos de guerra en distintas cidades galegas: "José Pérez-Ardá y López sería outro exemplo de actuación en consellos, a ctividade á que sumaría a de ser vogal en 1938, en representación da Falanxe, do 'Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas de La Coruña', cesando o 25 de agosto de 1939", (Sumarísimos e tantas outras historias, en  biosbardia.wordpress.com, 2016), como documenta Xosé Enrique Acuña. Entre os encausados por este Tribunal figuraban intelectuais e políticos como Ricardo Carvalho Calero, Francisco Pérez Carballo, Manuel Guzmán García e José Miñones.

O historiador Luis Lamela no seu libro A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión, refírese aos consellos de Guerra contra José Miñones, Suárez Ferrín, Ramón Maseda, Francisco Mazariegos, Francisco Prego, os Hermanos de la Legía (a familia tiña unha fábrica de lixivia), e concreta a participación de Pérez-Ardá neses tribunais represores: "En la designación de los tribunales, publicados en las órdenes de plaza, se harían familiares durante aquellos meses los mismos nombres: coronel Enrique Cánovas Lacruz, fiscal Hernán Martín-Barbadillo y alféreces honoríficos del Cuerpo Jurídico Militar Alejandro García Ballesteros, José Pérez-Ardá López, Ramón Rivero de Aguilar, Manuel María Puga Ramón".

O informe que presentaba o grupo de traballo da Memoria Democrática no Concello da Coruña, coordinado por Ana Romero, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, recolle a participación de Pérez-Ardá como fiscal no consello de guerra celebrado o 19 de decembro de 1936 (Causa 399/36. Arquivo intermedio Militar do Noroeste. Ferrol) na Audiencia do Xulgado de Instrución de Santiago contra cinco veciños de Curtis acusados do delito de rebelión. Como recolle a acta: "O fiscal señor Pérez Ardá solicitó para Manuel Calvelo, Isabel Ríos y Manuel Sánchez Ayerbe , la pena de muerte; y para Manuel Pena y Eduardo Sánchez, la de reclusión perpetua". O médico Manuel Calvelo e o obreiro Manuel Sánchez foron fusilados e a Isabel Ríos, esposa de Calvelo, conmutáronlle a pena de morte.

Participou noutros xuízos. Na causa 221/37aberta contra Celestino Rodríguez Galdós –detido na Coruña polo cabo falanxista Arcadio Vilela– o fiscal Pérez Ardá solicitou a pena de reclusión perpetua pero o ponente Ramón Rivero de Aguilar incluíu o agravante de perversidade. Foi condenado á pena máxima e fusilado o 17 de abril de 1937 no Castelo de San Felipe de Ferrol.

Pérez-Ardá era falanxista de primeira hora, "Camisa Vieja", e foi designado en agosto de 1938 como membro da Comisión Xestora Municipal presidida por Fernando Álvarez de Sotomayor co cargo de segundo tenente de alcalde, participando na depuración do funcionariado municipal. A súa sinatura figura no pergamiño de "doazón" do Pazo de Meirás, entregado a Franco o 5 de decembro de 1938.

Preside, como alcalde accidental, o Pleno municipal do 23 de xuño de 1939 que concede a Franco a Medalla de Ouro da cidade e o nomeamento de Alcalde de Honra, e fala do "profundo cariño y gratitud que nuestra ciudad guarda para el invicto caudillo salvador de España e ilustre hijo de esta provincia". Era unha persoa de absoluta confianza da ditadura franquista e por iso foi designado a dedo como alcalde en tres mandatos: de outubro de 1939 a febreiro de 1940; de abril de 1943 a xuño de 1944 e de xaneiro de 1969 a xaneiro de 1974. Foi tamén procurador nas Cortes franquistas nos períodos 1943-1944 e 1971-1974. Baixo o seu mandato solicitouse a aprobación para cambiar o nome de Cantóns por Cantóns de José Antonio e dedicar varias prazas a destacados militares golpistas como Cánovas Lacruz e Vierna, todo en 1943.

O informe de Ana Romero conclúe: "Pola súa participación na represión é de aplicación a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retiren os honores concedidos no seu día, especialmente o cambio do nome da Avenida Alcalde Pérez-Ardá, a retirada do monólito fronte á piscina municipal de Riazor e dous retratos do palacio municipal".

Ese informe, que propón a retirada de 14 rúas da Coruña de significados franquistas, foi entregado no prazo previsto de 20 de xaneiro de 2020. Despois de tres anos, o goberno municipal do PSOE négase a executar as súas recomendacións e a cumprir a Lei 20/2022 de 19 de outubro de Memoria Democrática. E non pasa nada!

Comentarios