Opinión

UPG, avances e novos retos

Este domingo vaise realizar o XVI congreso da Unión do Povo Galego (UPG) que considero un feito importante, polo que esta forza implica como dinamizadora dunha proposta estratéxica do nacionalismo galego a prol da conquista da soberanía e a xustiza social. A propia existencia da UPG, malia os múltiples debates e conflitos durante a súa longa historia (sesenta anos), ten mérito tendo en conta a desfeita de moitos partidos comunistas e o recuar da esquerda por mor da caída da Unión Soviética e o avance do imperialismo durante a globalización neoliberal. Neste mérito ten un gran valor a súa militancia, máxime cando os activistas e cadros seguen tendo un papel central na fronte patriótica e nos movementos de masas, así como en entidades sociais, culturais, veciñais... Entre elas hai que destacar, pola súa importancia a CIG, a maior organización de masas do país.

Se cadra teña unha visión moi doutro tempo, onde os partidos, a militancia e todo o que ela implicaba era esencial para mudar a realidade económica, social e política. Tanto polo que implica de debate constante nas organizacións revolucionarias sobre os obxectivos e métodos para cada etapa, como para chegar á sociedade a través das reunións, da propaganda, dos mitins, da súa participación e protagonismo na actividade política e social, da interpretación da realidade e a procura da hexemonía do relato (a loita das ideas). Isto esixe disciplina, traballo colectivo, autocrítica... algo esencial porén que atopa moitos atrancos neste tempo histórico, mesmo polos cambios na comunicación, nos comportamentos sociais, nas relacións entre persoas. Mais hai que facelo, internet pode ser un complemento, nunca un substituto. Daquela non podo deixar de pensar que para o nacionalismo, para desenvolver plenamente a política de “fronte”, cómpre analizar correctamente a situación da etapa, súa evolución, a correlación de forzas, o estado de animo da sociedade e a política de alianzas. Todos eles son aspectos esenciais para definir correctamente a folla de ruta, os obxectivos a medio e curto prazo e o papel da militancia, dos cadros intermedios.

Ou sexa, non abonda con reducilo todo á práctica cotiá, e a un relato da cúpula dirixente, que en determinados actos lembra os obxectivos estratéxicos (a maior parte das veces ou puro "economicismo " ou "ideoloxismo"). E neste aspecto é no que coido que o reto é maior, e onde a relación entre partido e fronte (e as organizacións de masas) é máis necesaria, e por suposto é máis difícil de desenvolver, especialmente neste tempo de confrontación entre grandes potencias, redefinición do modelo de mundialización, de medre da fractura social e a precariedade... e tamén do auxe da ultradereita e dos nacionalismos imperialistas. Non son tempos doados, hai poucas experiencias de esquerdas exitosas, especialmente en "occidente ", aínda que en realidade a UPG desde seu nacemento e por extensión o conxunto do nacionalismo galego democrático e popular, sempre tivo unha visión de primeira man da realidade galega. Unha visión que se pretendía desacreditar desde os partidos sistémicos, da dereita e da esquerda, co termo de “terceiromundista”, mais que interpretaba axeitadamente a situación periférica, subalterna, colonial, que xogaba noso país. O que permitiu definir correctamente, non só os principios e obxectivos, senón a folla de ruta (e as etapas) en función da nosa historia, realidade social e política.

Espero que a UPG se fortaleza neste congreso, xa que isto é fundamental para o medre do BNG e das organizacións de masas do nacionalismo, encetando pola CIG. O propio diría doutros partidos que formen parte do BNG (e que funcionen como tais). Ademais coido que a UPG, un partido comunista, axuda a que o debate interno da fronte se centre nos aspectos políticos e poña límites ao individualismo, que tanta hexemonía ten no sistema dominante, como un aspecto consubstancial coa globalización neoliberal (con todo o que isto implica social e politicamente). Canto máis corais son as organizacións máis ricas e consolidadas na sociedade. Máxime, cando veñen momentos con moitos retos. O que pasa en Reino Unido, Francia, Arxentina, Portugal, Catalunya, etc., amosa que os cambios poden ser moi rápidos, e non precisamente sempre favorábeis aos intereses populares e nacionais. Que teñen en común estes cambios? Como, malia con estes maiores atrancos, pódense consolidar os avances e acadar a hexemonía das forzas socializadoras, soberanistas, pacifistas, ecoloxistas... na Galiza e no mundo? Temos que darlle resposta na teoría e mais na práctica.

Comentarios