Brasil, de monarquía a república
A República Federativa do Brasil é unha potencia emerxente, tanto pola súa extensión (8.515.700 quilómetros cadrados), pola súa poboación (205 millóns de persoas), como polo seu PIB en termos de PPA (4.273.000 millóns de dólares). Ao que se suma que pertence ao núcleo fundador dos BRICS. Aínda que a cuestión central no país é: até onde chegaran os avances sociais, dado os retrocesos cos gobernos de Temer e Bolsonaro, e tendo en conta as contradicións do actual goberno de Lula, que carece de maioría no Parlamento?... Ao que se engade o complexo e tenso contexto internacional.
Mais neste artigo quero lembrar un chisco da historia do século XIX deste país, que abrangue a metade da América do Sur. A sua independencia de Portugal prodúcese en setembro de 1822 cando a familia real volta a Lisboa, unha vez expulsas de Portugal as tropas de ocupación napoleónicas, e o príncipe Don Pedro rexente do Brasil asume plena soberanía rematando a etapa colonial. Incidiu moito nesta decisión que Portugal limitase a Brasil o libre comercio, privilexiando os produtos da metrópole. Era “o regreso ao odioso exclusivismo colonial” (Historia de Portugal, coordinador Rui Ramos). Naquela altura Brasil tiña 2.800.000 habitantes libres e 1 millón de escravos.
No ano 1825 declarouse o “Imperio do Brasil”, que viviria na segunda metade do século XIX “o momento de maior transformación económica da historia brasileira”. A navegación fluvial sumaría uns 50.000 quilómetros de liñas de tráfico regular, e a rede telegráfica atinxiu 11.000 quilómetros, unindo as capitais dos estados e cidades máis importantes. Mais a finais do século, as contradicións eran moi fondas, entre elas as relativas á explotación laboral e á produtividade.
A esta altura a escravitude é considerada pola burguesía como un atranco, polo que será abolida no ano 1888, e substituída pola entrada masiva de emigrantes e o traballo asalariado, coa finalidade de aumentar a rendibilidade, sen poñer en perigo a gran propiedade rural. “O Imperio, cando en 1889 se extingue substituído pola República terá cuberto unha ampla e importante etapa da evolución económica” (Historia Económica do Brasil, de Caio Prado Junior).
As tensións do momento resólvense polas clases dominantes coa proclamación da República o 15 de novembro de 1889. Un golpe militar incruento derrocou ao emperador, Pedro II. Deodoro Fonseca, dirixente da revolta e heroe da guerra contra o Paraguai (1865-70) asumiu a presidencia provisional (1889-1991) até que o fixo dimitir a presión militar. A poboación do país atinxía os 14 millóns no ano 1888, e a capital daquela Rio de Janeiro tiña 522.651 habitantes en 1890.
Os artigos que dominaban as exportacións na década dos setenta do século XIX eran o azucre e o algodón, mais no ano 1885 o café xa ocupaba o primeiro lugar. Isto implicou que “o centro económico brasileiro trasladouse do nordeste ao centro-sul do Brasil” así como o poder político (Historia del Movimiento Obrero: Brasil, de la esclavitud al golpe militar). A estrutura industrial nos primeiros anos da República era moi feble, con dominio da pequena empresa artesá, e só uns 54.000 obreiros.
No aspecto político, a Constitución de 1891 prevía eleccións directas, que foron adiadas a 1894, e aínda que se eliminan restricións da etapa monárquica outórgase o dereito de eleitor só aos que teñen determinado nivel de renda. Ademais, mantíñase o exercicio do voto con carácter aberto (non segredo) e, entre outras restricións, só votaban os homes alfabetizados, nunha época na que a poboación do país era maioritariamente analfabeta. Todo seguía ben atado polas clases dominantes, tal como amosou durante toda a etapa republicana, coas excepcións dos gobernos de Getulio Vargas, Goulart, Lula da Silva e Dilma Rousseff...
Aínda que se fala moi pouco do tema, os vínculos da Galiza con Brasil sempre foron grandes, sendo despois da Arxentina unha das principais referencias da emigración (os galegos/as formaron as numerosas “colonias” en Rio de Janeiro, Santos, São Paulo, Bahía, Belém de Pará, etc. -vexase a revista Vida Gallega-). Calcúlase que uns 300/350 mil galegos/as emigraron a Brasil entre finais do século XIX e mediados do XX.