Opinión

A Viuda, unha xoia tabernaria en Bueu

En días recentes cheguei a Bueu, ese lugar que cantara o inesquecible Andrés do Barro:

Ao tempo que non tiña, ela non tiña
e non había tempo prá lle falar.
Indo prá Bueu nun boiño
ela non tiña tempo prá me escoitar

Non fai moito, achegárame a vila mariñeira do Morrazo desde Pontevedra co inesquecible pintor Xosé Solla, na altura que o Museo de Pontevedra amosaba a obra do artista que tivera como berce o lugar do Castro, en terras de Marín alá polo 1927 e desde 1950 afincado no outro lado do Atlántico, Mar de Plata. Moi querido en Bueu, onde pasaba os días cando cruzaba o charco Atlántico, espazo para "Inés e Palmira", unha escultura pétrea de dous bloques de 5 metros de longo por 3 de alto e cincocentos mosaicos, onde foron trasladados os gravados polos alumnos a Escola de Canteiros de Poio, da Deputación de Pontevedra.

Despois de cruzar a ría ata Cangas, continuei o itinerario mergullándome na esencia mariñeira, ladeando a costa ata bater co mercado, o Museo Massó e A Viuda, taberna máis antiga de Bueu, aberta neste lugar desde 1918, na avenida Montero Ríos, fundada en 1912 polo casal, Antonio Barreiro e Rosa Rúa, naquel lugar onde na actualidade está o Bar Nuncia.

"Abrimos cando chegamos, / pechamos cando nos vamos, / si veñen e non nos atopan é porque non coincidimos".

Na tasca sinónima á que existiu no corazón da cidade de Vigo, bautizada co mesmo nome e compartida por moitos clientes dunha e doutra beira da ría, amosa nas súas paredes a obra de Barreiro, ese criador que tivo como berce a Terra de Montes, viaxeiro e pintor, camarada do inesquecible Urbano Lugrís na súa etapa olívica e agora asentado en Cela, deslocándose de cando en vez á avenida Montero Ríos o recuncho tabernario que garda segredos de xantares e faladoiros, entre criadores daquí e dacolá.

Sibaritas, tal vez da tinta Femia, ese néctar cultivado e coidado noutrora por mulleres no eido que elixiu o autor de gaiteiros e ambientes de cunca. Un e outros, arredor da barra e mesas con zumego a cultura e bocados caseiros, ameixas ou mariscos con arroz, entre eles noutrora, veciño de Tirán, José Maria Castroviejo, o mesmo que deixou moitas ringleiras nos libros sobre os fogóns igual que o de Mondoñedo, Álvaro Cunqueiro, dous exquisitos asiduos, sen esquecer a Torrente Ballester ou Urbano Lugrís, este último inconfundible surrealista apaixonado polo mar, deixando patente na capela dos Santos Reis, obra pétrea a través de vieiras, bucinas, áncoras e motivos do mar, moi querido na península do Morrazo, como tamén Leopoldo Nóvoa que se acercaba desde Armenteira en ocasións co pintor de Barro, Manolo Ruibal ou Xavier Solana que cada vrao e cita obrigada na Banda do Río.

Comentarios