Opinión

Un templo gastronómico con Arte

Despois de Chantada, en dirección a Antas de Ulla, en sentido contrario ao Camiño de Inverno, por onde se achegan os peregrinos ata Santiago de Compostela, sitúase a igrexa parroquial de San Martín de Mariz, a mesma que conserva no seu interior tres retablos de estilo neoclásico. Foi neste contorno por onde corricaba, sendo aínda un neno, Eusebio Prado Fontao e, sen dúbida, as obras que cobre o muro detrás do altar do templo influíron no seu amor pola arte.

Os cafés, sempre tiveron moita relación cos creadores, músicos, pintores, escritores, poetas, participantes uns e outros en faladoiros –exemplo, a xeración do 98, entre os que se encontraban Baroja, Azorín, Unamuno, Machado, Valle Inclán, Albeniz... e máis tarde, no Xixón, no Paseo de Recoletos da capital de España, os inesquecibles Francisco Umbral, Paco Rabal, Tino Grandío, Laxeiro, Oroza, mesmo Raul del Pozo ou Manuel Vicent.

Xa en Vigo todos lembran as Cafeterías Derby, Goya ou Elixio, este último xa remozado que vén de popularizar Leo Caldas a través da voz da novela O último barco así como o Bar Roucos, na rúa Santa Marta, que fundara aquel casal chegado do Ribeiro de Avia, inesquecibles, Sem e Adela, próximas unhas de outras, onde se daban cita intelectuais da cidade olívica e de lugares limítrofes de Galicia ou tamén en ocasións aqueles músicos afamados que chegaban da capital de España para actuar no Nova Olimpia, da man de Xerardo Rodríguez, habitual cliente da citada taberna, na que andan anda arredor dos fogóns, a herdeira Sirita xunto co seu irmán.

Outras xa son historia. Perto de onde estaban situadas renaceu o Novo Derby, rexentado polo chantadino que leva un cuarto de século detrás da barra en Vigo, Urzaiz, 21. Non hai máis que pasar pola céntrica rúa para alén das excelentes receitas culinarias, regadas con caldos da súa propia colleita, procedentes dos socalcos da Ribeira Sacra, mesmo en Belesar, bañados polo Miño que se vai aproximando a Oira e ás pontes de Ourense, para logo, máis abaixo, bicar as augas atlánticas, entre Caminha e A Guarda, onde se espella o Monte Santa Tegra na desembocadura.

Nas paredes do Novo Derby colgan pinturas asinadas polo último bohemio da cidade olívica, Diz o mesmo que conta que o fabricaron aquí, con berce no País Vasco e rexistro na Cañiza. Preside a Sala-Comedor, un retrato de Eusebio, de gran formato, ataviado de peregrino coa Catedral de Santiago detrás. Igualmente nas paredes do Novo Derby, as persoas que se sentan á mesa teñen perto obras saídas do estudio de Secundino, situado nun ático, onde se divisa o Monte da Guía. "Do mar á mesa", “Receitas dos nosos Restaurantes" e outras telas co enclave natural de Belesar, "Casa con viñedos", "Adega","Embarcadoiro", así como outra de recente incorporación, "Dor da traxedia".

O pintor acaba de asinar a última obra saída das súas mans, adicada a Rosalía de Castro. Outrora, un cadro con súa espátula, encargo do inesquecible Antón Patiño Regueira de "Librouro" , "librero y señor" como o definía o inesquecible surrealista Urbano Lugrís, fora a parar á Fundación que leva o nome da autora de Cantares Gallegos en Padrón. Sen dúbida, o Novo Derby, un santuario gastronómico para desfrutar de arte, culinaria e plástica.

Comentarios