Opinión

O Derby de Vigo

O Café Nuevo Derby, na rua Urzáiz da cidade de Vigo, nada ten que ver co antigo Derby, a poucos metros, nin con aqueloutro Goya que se situaba mesmo enfronte. Tanto un como o outro, testemuñas de faladoiros con creadores, foran músicos, poetas, escritores ou pintores, entre os que se atopaban os inesquecibles Xosé Otero Abeledo "Laxeiro", o poeta Carlos Oroza e unha longa nómina de personaxes das Artes e das Letras, non só da cidade da oliveira, senón do extra radio, uns e outros, ocupando mesas naqueles días, non moi lonxe da rúa do Príncipe e da afamada Cafetería Flamingo.

Na actualidade, existe a xa nomeada Cafetería Nuevo Derby, na outra beira da vía, este último, comandado polo chantadino de San Martiño de Mariz, Eusebio Prado, o mesmo que chegara a Vigo noutros días, primeiro para traballar nunha fábrica do sector dos coches e máis tarde na hostalería.

Despois de rexentar varios negocios, asentouse no numero 21 da rúa de Urzáiz, onde, xornada tras xornada, danse cita personaxes do mundo das Artes, arredor dos fogóns e dos caldos engarrafados da propia colleita, nos socalcos que abeiran o Miño ao seu paso por Belesar, onde ten adega que produce os viños sibaritas aos que cantou Secundino Diz, pintor-poeta, o mesmo que foi fabricado en Crecente, chegado a este mundo do País Vasco e asentado en Vigo, desde hai máis de 90 anos.

Nace o mencía de autor

no idílico paraxe

luce como un señor

no espléndido paisaxe.

Manxares regados con excelentes tintos, dan conta, xornada tras xornada, personaxes vario pintos, ben sexan músicos, escritores, artistas plásticos, políticos, entre outros que forman parte da Asociación da Orde dos Cabaleiros, presidida polo vigués Antonio Puga, e á que tamén pertence Eusebio, desempeñando o posto de vicepresidente do colectivo o mesmo que rexenta a emblemática Cafetería.

O músico e fundador de Treixadura Delio Domínguez; Xosé María Fonseca, Presidente e fundador de Terras Gauda e saxofonista de Con la Venia, un asiduo da sala de xantar, así como afamados personaxes das Letras e das Artes, editor Bieito Ledo, pintor Antón Pulido (dous ourensáns chegados a este mundo en terras da chispa), Bóveda de Amoeiro e Padroso, co emblemático carballo á beira da Vía da Prata, por Xunqueira de Ambía. Concorre de cando en vez, cando deixa os pinceis na Antiga Rectoral de Santa María de Cela en Bueu, onde mora, Xosé María Barreiro, así como o compatriota Camilo Caamaño, fundador da Casa Museo A Mangallona, en Coiro, ese espazo misterioso, onde se funden mar e montaña de Cangas.

A actriz Uxía Blanco que fora coñecida polo filme Sempre Xonxa, do inesquecíbel Chano Piñeiro, acompañada de Avelino Muleiro, catedrático de Literatura Galega e membro da Real Academia Galega, o mesmo que dirixe a revista Ágora do Orcellón, en terras do Carballiño, asiduos tamén ao comedor farturento.

Ocupan as cadeiras, con asiduidade, os xa citados membros da Orde dos Cabaleiros, colectivo fundado no 1995; o nonaxenario catedrático de Literatura galega e membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, ou amigos chegados de terras de Lemos, Manolo Pérez, ex alcalde de Vigo; Luis Guitián, músico e mandatario de Sober; Xosé Manuel Barreiro, catedrático e político, entre outros, sen esquecer o amigo e irmán de Eusebio Prado, o pintor Secundino Diz, autor dos cadros que penduran das paredes da sala de xantar, obras saídas do seu estudio aberto ao mar, na cima da fonte da Paellera de Vigo, con vistas á Nosa Señora da Guia e a San Adrián de Cobres, onde algún tempo morou e pintou o mesmo autor do retrato que preside o comedor. O propietario ataviado de capa e sombreiro, vestimenta da Asociación dos Viños Galegos, á que pertence o restaurador da Ribeira Sacra , así como outras caras coñecidas, entre eles da poeta Rosalía de Castro e da gaiteira de Pravio alá por Cambre, Susana Seivane, recunchos da ría de Vigo ou Belesar, igual que dúas telas, onde aparece a adega na que se elaboran os caldos de Fontao.

Eusebio leva de nome

Prado Fontao de apelidos

de vocación hostalería entre os fogóns e as viñas

bate o mencía entre Muras

nos bancales de Belesar

onde maduran a uvas

antes de vendimar.

Fontao é a súa marquiña

como fonte de viño que mana

do fruto máxico da viña

na Ribeira de Chantada

Nace o mencía de autor

no idílico paraxe

nace como un señor

no esplendido paisaxe.

Comentarios