Opinión

Nesta terra a memoria está escrita nas pedras

Desde o momento no que descubrín a obra literaria de Nélida Piñón e souben que as súas raíces estaban en terras de Cotobade igual que as do inesquecible historiador Antón Fraguas, aquel que fora fundador do Museo do Pobo Galego, non descartei a posibilidade dun encontro coa primeira muller a ser presidenta da Academia Brasileira das Artes.

Foi no salón do Consistorio de Carballedo en setembro de 2018. Estaba de cronista en Pontevedra e, despois de teimar un tempo, tomei a decisión de facer auto-stop como aquel Kerouac e outros escritores malditos, nunha gasolineira a saída da cidade, con destino a Terras de Montes despois de escribir nunha cartolina: Cotobade.

Moito tempo estiven a espera e xa cando non tiña esperanzas, pero unha rapaza que levaba consigo un neno parou convidándome a entrar para deixarme a porta do Concello minutos antes de comezar o acto.

A súa morada distaba a poucos metros, alí vivía prendada do eido rural en Terras de Montes.

Cumpriuse así un soño. Falei coa muller que entre outros galardóns atesoura o Premio Príncipe de Asturias, regresando máis tarde á cidade do Lérez con outro personaxe ligado as Artes, Literatura e igualmente as camelias: Pedro Miguel Piñeiro, secretario chanceler do Capítulo Serenísimo do Viño Albariño.

No seu pazo en terras do Salnés Nélida Piñón plantara unha árbore como moitos anos antes o fixeran Camilo José Cela, entre outros persoeiros do mundo da cultura que pisaran os xardíns de Quinteiro da Cruz. Chámense inesquecible Manuel María, quen dedicou fermosos sonetos como Uxío Novoneyra, Filgueira Valverde, pintores como Laxeiro, Conde Corbal, o director de cine Garci ou o poeta do mar Bernardino Graña

En lugares do pazo e nos xardíns rodáronse capítulos e programas de televisión, alén de escenas de películas de sona.

Lembro agora todo isto cando leo uns dos últimos libros que sairán do prelo firmado por Nélida Piñón -Una furtiva lágrima- ou a reflexión sobre a historia universal, a literatura e o seu oficio. Igualmente sobre a súa familia e as raíces de Terra de Montes, segundo me deixou escrito nunha páxina dun libro “nesta terra a memoria esta escrita nas pedras”.

Comentarios