Opinión

Mario Rocha, na Casa do Marco

A grandiosidade da Serra d'Arga, máis concretamente Arga de Baixo, no Alto Minho portugués, non pretende disputar con ninguén a beleza da paisaxe. O encuadramento caminhense, onde ten a morada o artista Mario Rocha, polifacético que tivo a visión de levar a arte contemporánea ao medio da montaña, entre granitos e seixos, rabaños de ovellas e cabras, muíños e cabazos, mesmo Mosteiros que se perden na memoria dos tempos.

Ser artista é un privilexio, facer o que a un lle gusta, resaltar o talento e capacidade ten un merecido agasallo, mais crear un espazo nunha aldea que habitan menos dun centenar de persoas, distando a 16 quilómetros da vila, convértese en arriscada aventura.

Mais xa alá van vinte e tres edicións de Arte na Leira, na Casa do Marco. Ano tras ano, conviven na eira pintores e escultores consagrados e outros máis novos, para admirar ou adquirir obras de arte, sexa pintura, escultura, cerámica, fotografía, moda... entre outras asinadas por creadores de renome e durante un mes, expostas entre penedos na cima da serra, un acontecemento que naceu no ano 1999, despois dunha exposición de pintura en Bruxelas.

Mario Rocha, un artista influenciado en tres rexións de Portugal, Alto Minho, Douro e Alentejo

Durante un mes a contorna rural atrae a moitas xentes, tanto do país luso como da veciña Galicia, para desfrutar da expresividade contemporánea no medio das leiras e da serra, moi perto do Mosteiro de San João, que segundo o Padre Carvalho da Costa, foi mandado construír por San Frutuoso, obispo de Braga, no reinado de Sisebuto, estando acabadas as obras no ano 661.

Contan con obras de João Cardoso, Ana Camilo, Paulo Neves, Henrique Silva, María Souto de Moura, Luis Pauperio e sobre todo pezas cerámicas do propio impulsor do evento internacional, Mario Rocha, un artista influenciado en tres rexións de Portugal, Alto Minho, Douro e Alentejo, inspiracións patentes nas súas creacións.

Na sala presentan fotografías do artista con amigos coñecidos de aquí e de alén mar, Pedro Abrumhosa ou Gil do Carmo, inesquecible escritor José Saramago e tamén con políticos Cavaco Silva, Jorge Sampaio ou o actual Marcelo Rebelo de Sousa.

En tempos aínda recentes, na XVIII edición de Arte na Leira, a ministra de Cultura portuguesa Isabel Pires de Lima, profunda coñecedora do que se está a realizar na Serra d'Arga, presentou o libro Mario Rocha: Retrato de uma vida. Un polifacético que tivo como berce Perre no Concello de Viana do Castelo en 1954, dedicado á pintura desde 1968, frecuentando a Escola de Artes Decorativas Soares dos Reis no Porto e membro da Sociedade Nacional de Belas Artes, condecorado co grao de Comendador da Ordem do Mérito polo Presidente da República, Profesor Anibal Cavaco Silva e representado en coleccións e institucións con máis dun centenar de exposicións.

Este ano o artista quixo homenaxear as e os profesionais da Saúde

Este ano alcanzouse a XXIII edición e dado o fenómeno da Covid-19 o artista quixo homenaxear as e os profesionais da Saúde. 80 traballos realizados por 25 artistas e 3 alumnos do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, de idades entre 4 a 7 anos, procedentes do Porto e Felgueiras.

O evento estivo patente até o pasado 23 de agosto, mais o Mario Rocha vai estar durante todo ano na Casa do Marco, lugar que escolleu para vivir e crear, día tras día, e coexistir con obras contemporáneas na montaña portuguesa.

Entrando por Lanhelas e Vilar de Mouros na veiga de Caminha, existe unha estrada empinada e curva tras curva, entre penedos e floresta, cabras e mulleres maiores coidando o gando e o campo, chegarán ao portón da Casa do Marco, para ser recibido polo artista responsable da obra de tan gran calado cultural e artístico.

Comentarios