Opinión

Laxeiro

Foi na Cafetería Goya de Vigo,  onde compartira a mesa que estaba reservada para el. Coincidiu coa publicación no xornal  Día a Día de Pontevedra, do cartel que realizara o mestre para exaltar a Festa do Cocido, que cada mes de febreiro se celebra na capital dezá.

Igual que outros moitos personaxes das letras e das artes, Laxeiro tiña espazo fixo para o encontro e conversa no número 16 da rúa Urzáiz, a poucos metros da súa morada, na cidade olívica e igualmente da rúa central Príncipe, onde tamén contaba con estudo.

Unha noitiña no mesmo local, outrora chamado Royal, o fistor de Meder, Antón Alonso Fontán, o inesquecible bardo de Viveiro, Carlos Oroza e o cronista recibimos a noticia do seu pasamento, alí mesmo, non tardando moitos minutos da chegada ata o mostrador,  personaxes queridos e coñecidos do pintor de Lalín.

Non hai solución! Repetía o bardo de Viveiro, a medida que ían entrando persoeiros da cultura e das artes, para despedirse na Casa das Artes, non faltando á cita para o último adeus o inesquecible cantautor e poeta Alberto Cortez, aquel que coñecera o de Lalín no Grande Hotel da Toxa. Unha coincidencia, mais o autor  de "Cuando un amigo se va" xa era coñecedor e coleccionista da obra de Laxeiro, no outro lado do Atlantico, onde emigraran os dous.

O cronista elixiu o Malecón de Vigo, local con sabor e espírito cubano, onde era habitual a visita de Laxeiro, para desfrutar no mesmo lugar, rexentado polos irmáns  Xavier e Gonzalo, da música caribeña.

Agora, o Ano das Artes 2022 é dedicado a el, sendo a fundación que leva seu nome a encargada de darlle vida e espallar a obra polo mundo enteiro.

Lembro unha conversa co mestre na porta mesmo da da Casa das Artes, onde hoxe figura unha cabeza con sombreiro de bronce, na súa honra, asinada por Xuxo Vázquez, escultor coñecido aquí e alén mar, con estudo e morada en Santa María de Tebra, ao pé das Colinas, en terras de Tomiño.

Mais nesta entrada, aquel día, reunírase un elenco de creadores do Deza para arroupar a Antonio Taboada "Willy" veciño e amigo de Laxeiro, hoxe os dous recitando poesía, tocando a frauta ou pintando no Trasmundo. Acontecera, durante a inauguración da exposición individual de Antonio Taboada "Willy", veciño e amigo, de Botos, os mesmos que sementaron soños polos Camiños da Romea.

Pouco tempo despois, atopei outro mozo que coñecera no Casco Vello, amante da música e das artes, dándolle voltas a papeis ata preguntarlle que facía, cuxa reposta foi inmediata: "Currículums para atopar emprego".

Indiqueille que a Fundación Laxeiro procuraba director e hoxe é o mesmo Xavier Pérez Bujan, quen continua  á fronte da institución que leva o nome do pintor de Donramiro para espallar e indagar a obra polo mundo adiante.

Naquela altura, tivo lugar outro evento, na Galería Saira de Vigo, unha exposición colectiva dos artistas de Lalín e comarca, mais o Abeledo non puido asistir por estar arrefriado, deixando recado que ao finalizar a inauguración quería ver todos os presentes na súa casa da cidade da oliveira, onde residía, a mesma que un día igualmente acompañara o inesquecible pintor de Vigo Ángel Lemos de Los Reyes, moi amigos.

Pero fora na reunión, despois do peche da exposición colectiva, onde me vin rodeado de todos aqueles mozos soñadores, os mesmos que durante anos estivemos unidos a través da pintura e poesía, chámense Algarabía de Lalín ou as Xuntanzas na "Solaina de Piloño", en terras de Vila de Cruces, así como nas tertulias no desaparecido Bodegón de Alfredo, Casa Manolo do Empalme ou na Carballeira de Botos, uns e outros, con pegadas laxeiranas inesquecibles ou aqueloutra xornada en Sanxenxo, cando autor de "Carnavalada" me levou a carón doutro grande da pintura, seu amigo Manuel Torres, sen esquecer a anécdota que me contara en tempos recentes o nonaxenario pintor Secundino Diz, cando o convidara ao seu taller da rúa do Príncipe para mostrarlle unha peza artística, da que dicía que atopara con el mesmo.

Tratábase dun carro de xoguete recollido na rúa, que só incorporou un cartón, para verse no espello.

Así era Laxeiro.

Comentarios