Opinión

Emilio e Pepe Flores, irmáns e gaiteiros

Dous rosaleiros exemplares, irmáns e gaiteiros, homes enraizados coas súas orixes, terra e veciñanza, Miranxe e O Rosal, vencellados ao punteiro, alambique, palleta, ensino, asociación, colexios e romarías.

Nomes significativos doutrora do triángulo Sur de Galicia, foran Manuel da Ventosela, Ulloa entre outros moitos que influíran na paixón de Emilio e Pepe Flores para cumprirse o soño e convertelo no seu modo de vivir. A gaita.

Hoxe forman parte da nómina de galegos ilustres de Galicia semellantes aquelesoutros, o de Penalta ou Mourillóns, Manuel Casto González ao que Curros Enríquez dedicou poemas. Da mesma familia que Faustino Santalices, Avelino Cachafeiro de Soutelo de Montes, Ricardo Emilio Portela Bouzas nado en Viascón, Xocas de Pazos de Borbén ou os herdeiros que hoxe en día espallan cultura polo mundo a través das palletas, sexan Carlos Nuñez, Budiño, Silvia Pato e mesmo Susana Seivane.

Ao calor do pote e cheiro a bagazo, Pepe en Novás, Emilio en Fornelos, repartiron tardes e noites, faladoiros ou transmisión de coñecementos do roncón que habían adquirido noutros tempos difíciles marcados pola Guerra Civil. A beira da serpertín con rapazas e rapaces, iniciándose neste ambiente de sensacións aromáticas e do pentagrama, os mesmos que despois formarían Verde Arboreda e máis tarde integrados na Agrupación Musical, con saudades tamén doutros nexos familiares e veciños que xa non están, que tanto tempo dedicaron por materializar o proxecto musical, mesmo dicir Francisco Flores ou Antonio Granja.

O nonaxenario Nemesio Castro de Martín foi e segue sendo outro axitador tanto dos Muíños do Folón como para os músicos rosaleiros e igual que outra veciña de Novás, Marcola González, o Concello que preside Ánxela Fernández Callis, acaba de presentar dous libros e documentais do patrimonio inmaterial, convertendo ambos os dous nos protagonistas ao mesmo tempo que o titulado Os Irmáns Flores. Os Gaiteiros de Novás, da autoría de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguelez que recolle a cultura da gaitada en tempos máis dificultosos que agora e a traxectoria vital dos Flores. Un luxo.

Comentarios