Opinión

O día que Andrés do Barro fixo o saque de honra en Balaídos

Organizaran na Hermandade de Labradores e Gandeiros do Rosal, da que era secretario Manuel Fernández Calderón e presidente Samuel Estévez Martínez, unha viaxe dende a Praza do Calvario ata Vigo para asistir a un encontro de fútbol, no Estadio de Balaídos, céspede onde se ían enfrontar o R.C. Celta e Pontevedra F.C., ambos os dous na Primeira División, ano 1970.

Este que escribe nunca fora un apaixonado do fútbol, prefería libros e música. Sexa como for aquel día formaba parte da comitiva de agricultores rosaleiros, metidos nunha  DKW que conducía ‘O Troia’ de Pancenteo, con dirección á cidade olívica para presenciar un encontro de máxima rivalidade. A sorpresa foi que á entrada no campo de Balaídos estaba Andrés do Barro acompañado de Paula, a que sería súa esposa, para realizar o saque de honra, antes de asinar discos nesa mesma tarde-noite, nun local da cidade. Iso acontecía naqueles días de gloria para o ferrolán, aquel que un ano anterior comezara a traballar con Juan Pardo, mais nunca volvín ter tan perto o admirado Lapique, o que tantas veces si escoitei e ata canturexei ,"Camiño que nos leva a San Antón", "Se vas a Bueu non vou" ou  "O Tren".

En tempos máis recentes publicouse Andrés do Barro. Saudade, libro de Fernando Salgado, sobre a vida do ferrolán, polo cal me interesei desde o momento de saír do prelo. Unha mañá comenteillo a Timothy John Behrens, inesquecible pintor co que me reunía na Casa Martín e Calypso no corazón da cidade herculina, perto do Cantón, cando descubrira o exemplar na librería Arenas, ao carón dos restaurantes, mais cando entrei no establecemento papeleiro e solicitei o exemplar informáronme que xa estaba esgotada a bibliografía do cantante galego. Sen máis, decidín ir ata Ferrol, terra natal de Andrés Lapide Dobarro, á procura do libro.

Aquela mañá, camiño da Estación de Autobuses da Coruña, perto de Torre Esmeralda, onde noutros días conversaba con outro inesquecible, Begnino Eiriz, irmán do cantautor Xoán, o que lle pon voz ás letras dos poetas galegos. Mais ía a procura dos pasos daqueloutro que fora integrante dos Sprinters na cidade ferrolán, onde xurdiran formacións como Trébol, Bellas-Farto, Key e mesmo o dúo que integraron María Manuela e o único Miguel. En todos eles pensaba durante aquel camiño, igual que aqueloutro semellante que o levaron a San Antón ou no tren pola beira do Miño. Sexa como for, xa en Ferrol, encamiñei os pasos as librerías. Na primeira, dixéronme que estaba esgotado. Na segunda a mesma resposta, non acontecendo o mesmo na terceira, pois quedaba un exemplar.

Co libro na man, busquei outro personaxe, aquel que puxera en marcha a rexeneración urbanística do barrio esquecido, nas aforas da cidade, e após preguntar en varios espazos por Eduardo Hermida, que así se chama o dinamizador cultural de "As Meninas de Canido", non tardei en localizalo. Antes do encontro, metinme polos currunchos de Canido para ollar de perto a distintas representacións plasmadas nas fachadas dos edificios por artistas chegados de diversos lugares de Galicia e alén Miño. Máis tarde, arredor da mesa e mantel, non moi lonxe das intervencións plásticas e sen estar previsto, Eduardo Hermida, durante o encontro, recibiu unha chamada de Andrea Lapique, filla de Andrés do Barro. As Meigas, habelas hainas.

Comentarios