Opinión

O carballo das apertas

Érguese cedo, acostuma a tomar o pequeno almorzo no Café Bagatela, perto do seu estudio nun faiado da Rúa Areal, mesmo á altura da Paellera, o último refuxio de Diz, despois de ser pasto das chamas o anterior, situado na Finca de Matías en O Calvario.
Durante a súa longa traxectoria, instalado en diferentes estudios na cidade de Vigo, rúas Escuelas Nieto, López de Neira, Urzaiz, Pizarro, Don Bosco, Camelias, Alcabre, Teis, sen esquecer a época dourada en San Adrián de Cobres en Pontevedra, punto de partida cada noite para perderse cos amigos en espazos de ocio e faladoiros. Co inesquecible Andrés do Barro no Topaz, Rafael Amor no Rincón dos Artistas ou deslocacións ao Charango, para a conversa con Pablo Milanés, Joaquin Sabina ou aqueles que xa non están, Luis Eduardo Aute, Javier Krahe, tamén camarada e irmán, Suso Vahamonde, así como Pucho Boedo que tampouco está.

Sendo un rapaz, convidábano a repicar as campás na "bene vivere", na terra olívica de fartura, 137 canizos, alí onde os pais rexentaban unha tafona, para logo estudar piano e tocar outros instrumentos que garda no taller, ateigado de cadros, onde non hai espazo para máis.

A harmónica acompáñao sempre nas andainas, outra das afeccións, inclusive abeirando o Miño no seu paso por Belesar ou Camiño de Inverno en dirección á Porta Santa, dos que conta con moitos certificados por ter alcanzado a Berenguela.

Na terraza do Novo Derby, na rúa Urzaiz de Vigo, comparte día a día mesa e mantel cos amigos, intelectuais, artistas, xornalistas, editores, pintores e con Eusebio, aqueloutro amigo emprendedor chantadino que chegara a Vigo desde Outeiro de Mariz, lugar onde tivera a ilusión noutrora de tocar o saxo ou trompeta, soño non feito realidade, decatándose pola hostalaría, a veces ataviado cun mantel estampado con notas do pentagrama e retratado polo pintor nonaxenario coa capa da Irmandade dos Viños Galegos, cadro pendurado na sala, onde se poden ollar outras obras saídas do mesmo taller de Diz, pintor chegado a este mundo en San Sebastián hai 90 anos, un día 4 de febreiro, rexistrado en Crecente no 9 do mesmo mes, fillo de Octavia Vázquez e Secundino Diz Prieto, este panadeiro, natural das terras de Covelo, concello que durante a época do mandatario Pepe Costas, o artista, percorreu todas as freguesías para trasladalas as acuarelas igual que a restauración das pinturas do retablo de ánimas policromado do cruceiro, obra do Mestre Cerviño, canteiro que tallou o de Hío.

No faladoiro, acompañado sempre de "un cubata" debuxa e conversa amigable con uns e outros, entre eles o editor Bieito Ledo, ourensán de Padroso en Xunqueira de Ambía, camiño de peregrinos pola Vía da Prata, onde existe un Querqus robur, "o carballo das apertas" a quen acaba de inmortalizar a través do seu selo plástico e poético.

En Xunqueira de Ambía
ergue altivo e frondoso
arraigado na fraguía
o carballo do Padroso.

Xeneroso, oferta abrigo
ao peregrino cansino
prestando boa sombra
ao pé do Camiño

apertas recibe o carballo
do camiñante agradecido
aínda queda un treito
pra abrazar o Santiaguiño.

O carballo e meu, di Bieito
tamén e ledo por ser voso
o carballo e de todos
os que pasan Padroso.

Sinte o vello carballo
emocións que non delata
por abrazos que lle dades
na anterga Vía da Prata.

Aínda non figura no catálogo de Árbores Senlleiras, máis vai ser un de tantos que escritores e poetas recoñecidos presentarán nunha xuntanza, neste enclave peregrino e de interacción humana coa natureza, no seu paso por terras de Xunqueira de Ambía, concretamente polo berce do Fillo Predilecto Bieito Ledo, que tamén é de Vigo, cidade onde forxou 'Ir Indo', que deu luz á Enciclopedia Galega Universal e a outros moitos títulos; como tamén recollerá os que sexan cantados ao exemplar do patrimonio verde de Padroso nun día grande de Festa anual.

Comentarios