Opinión

O Buraco, cabaqueiro do Rosal

Noutrora no remate do curso escolar aos 14 anos, moitos rapaces encamiñaban os seus pasos na busca de sustento nas telleiras, un traballo duro a intemperie, desde que rompía o día ata bocanoite, en terras ourensás ou mesmo de Castela e León.

No Concello do Rosal, érguese un monumento en pedra, desde finais da década dos 80, saído do taller e dos ciceis do escultor tomiñés Antúnez Pousa, o mesmo que tallou os mariñeiros no Porto de A Guarda, neste caso representando un 'cabaqueiro', que era así como se chamaban os rapaces e mozos que se forxaron dando forma ao barro para transformalo en tellas ou ladrillos.

Non foron poucos, os que deixaron a bisbarra baixomiñota, concretamente de Salcidos en territorio da Guarda, Tomiño, Santa Maria de Oia ou a maior parte procedentes do Rosal, concello onde se celebra unha exaltación na honra dos que se adicaron ao oficio á intemperie, coincidindo coas Festas do Pilar a mediados de outubro, envolvendo a praza con cheiro a barro.

Xosé Álvarez Alonso, mais coñecido por O Buraco, foi un de tantos rapaces que no ecuador da década dos 50 deixou o eido materno, perto dos Muíños do Picón e O Folón, e a carón do Cruceiro Gordo, para moldear o limo e darlle forma de tellas ou ladrillos, alén do Padornelo, como aqueloutros galegos que cruzaban o Sil ou Miño para ir ás faenas da sega, aos que lles cantara a poeta de Padrón.

Hoxe en día, no seu berce natal en A Buraca, existe unha representación da cultura cabaqueira pola que se interesan os oleiros de Xunqueira de Ambía ou Niñodaguia, a onde O Buraco se ten desprazado para transmitirlle o oficio de hai medio século aos mais cativos.

Alí moldeou tellas e ladrillos diante de visitantes e vigueses, que se deran cita no Día da Reconquista, no Barrio de O Berbés, tal cal como na Festa dos Cabaqueiros, espazo onde se coloca con abundancia de barro, agua e po. Igualmente a 'gradilla', para enchela e alisala coa rapadoira ou cun anaco de madeira, con movementos de arriba a abaixo para aplanar e aparellos para darlle forma ás tellas ou ladrillos diante da multitude, moitos deles rapaces, descoñecedores deste oficio.

Con certeza, durante o verán vai concorrer a outras celebracións históricas nas catro provincias, como antes da pandemia, na Festa Corsaria de Marín, a Medieval en Pontevedra, A Guadalupe de Rianxo, a medieval de Monforte, para entender aquel oficio que comezara en 1650, chegando ata 1970 nunhas condicións de vida penosas nas "telleiras", industrias que viñeran ao mesmo tempo que os romanos a Península Ibérica, así como a descrita de como era a súa forma de vida, durmindo en cabanas cubertas con xestas e tellas defectuosas, facendo as necesidades á intemperie e co único sustento alimenticio a base de caldo.

Naquel tempo, tras o primeiro paso, metíanse no forno, arredor dunhas 40 mil unidades que ian cocéndose a unhas temperaturas entre 900 e 950 graos, durante dous días e unha noite, cuxo prezo alcanzaba na década dos anos 70 unha peseta a peza. Posteriormente transportábanse protexidas con palla para que non rompesen polo camiño, chegando ao destino en cabalos, burros e mesmo carros de bois.

O cabaqueiro 'Buraco' soportou este traballo nas telleiras trece tempadas, entre 1955 a 1968, para logo subir a un camión, en cuxa viseira estampou o mesmo nome, percorrendo estradas da xeografía de España.

No 1975 funda con outros camaradas o equipo de balonmán Atlético de Novás, un club que comezou a xogar na pista ao aire libre á beira das Escolas, enfronte á tenda de Marcola González, asa mesma muller que xunto co outro coterráneo, Nemesio Castro, son memoria viva da veciñanza rosaleira. Hoxe disputan os partidos no Pavillón Municipal na División de Honra de Prata.

O Buraco, non conforme con transmitir a cultura cabaqueira, ten outro empeño coa arte rupestre, abundante nos montes baixomiñotos. Partilla coa doutora en arqueoloxía Alia Vázquez Martínez un fermoso traballo, destapando as pedras talladas noutrora, escondidas baixo herba e fentos, representacións zoomorfas, cervos e cabalos, así como tamén arte esquemática que se estende polo país irmán, Portugal.

Comentarios