Opinión

Antón Alonso Fontán, bardo de Meder

Noutrora conversabamos no desaparecido Cafe Goya da cidade de Vigo o mesmo que faciamos na Rúa Marques de Valladares, a poucos metros da que fora morada de de don Álvaro Cunqueiro, naquela altura que Antón tivera unha incursión na hostalaría. Tempos dos inesquecibles Laxeiro, Lodeiro, Mantecón, Eiravella, Suso Vahamonde, Carlos Oroza, entre outros creadores que xa non están, case todos concorrentes aos faladoiros no mesmo local, nas veciñanzas da rúa do Príncipe.
Anos despois, Antón Alonso Fontán, deixou a cidade para ficar no seu berce natal, entre emparrados do Condado.

"Casa onde nacín / O eido onde me criei/ señardoso escollín / tamén para morrer". Poema igual que outros da súa caneta plasmados nas paredes da casa materna, para gozo de todos aqueles amigos e veciñanza que abeiran a morada do bate, nas faldras do Monte Medulio, a onde chegamos en días, aínda recentes, unha soñadora e este que escribe, para unha conversa amigable, regada con caldos engarrafados na adega familiar do Condado.

Eido no que ao longo dos anos partillou o fistor con xente de aquí e de acolá, das artes e das letras, como aqueles ourensáns, vigueses distinguidos, pintor Antón Pulido, chegado de terras de Amoeiro e o editor Bieto Ledo, natural de Padroso, por Xunqueira de Ambía. O profesor de San Paio de Ventosela, Alonso Montero o mesmo que de cando en vez escribe nos xornais sobre o fistor, a quen por primeira vez unha alumna da Facultade de Ciencias de Educación do Campus de Pontevedra, realiza un traballo, A poesía na aula, un estudo sobre a obra do poeta, na que exerce de titora a profesora, Ana Acuña Trabazo.

Lembramos durante o reencontro, aquelas outras conversas e paseos con Roxelio Gomes Pousa, que fora secretario do Consulado de Portugal en Vigo e Armesto Faginas, biógrafo de Cunqueiro, naquela altura, director de Faro de Vigo, días a tardiña nun furancho de Redondela, perto do Carballo das Cen Polas e daqueloutro Pazo, unido a igrexa de Santa Maria de Reboreda, berce de Xoan Manuel Pereira, republicano que inspirara a don Ramón Otero Pedrayo, do que sempre se fala nas xuntanzas nas faldras do Medulio, o que chegou a este mundo o mesmo día que o de Meder, 5 de marzo, para deixarnos, entre outras moitas obras literarias O señorito da Reboraina.

No faladoiro, saíron á luz na tarde-noite, aquelesoutros días que Antón Alonso Fontán recitara en O Grove a carón do poetas Carlos Oroza  e Rafael Alberti; as dislocacións a bisbarra do Baixo Miño a procura de Eliseo Alonso ou do pintor Mario Rodríguez en San Campio de Lonxe, sen esquecer os recitais na Casa da Anta en Lanhelas, na orela portuguesa de Caminha ou  aparición nunha película como dobre de Francisco Rabal, no Faro das Cíes.

Antón falounos de Xoán Alonso González, seu abo, campesiño e filosofo a quen o neto dedicou o libro Galicia Pobo e Terra, e antes do regreso, asinounos un agasallo Apocalipsis en Galicia. Sete celulosas sete, libro que inclúe: 

"Galicia é unha femia / parindo dondos fillos / ten ben con que mantelos / educados  e vestidos. // E van  uns tras  outros / polos  mesmos camiños / da grande promesa / e incertos camiños."
Ao saír da sala de xantar e cociña, espazo onde conversaramos durante varias horas, rodeado de libros, fiquei a ollar entre as parras para outro poema nas paredes da casa: "Polo alto da Portela / asoma a lua chea, / as medas da herba / fan sombra na terra."

Comentarios