Opinión

Discursos (II)

Atrás sinalabamos a frecuente inspiración dos nosos líderes en fontes como Cantinflas, hoxe notamos a afinidade coas contas dun miñaxoia.

Outra vez o espazo mediático vibra cos achados conceptuais cos que a nosa dirixencia, dende o centro socioliberal até o extremo ultraliberal, sorprende agora o cidadán concernido polo aforro enerxético. As redes sociais espallan dende hai uns días un vídeo no que Feijóo, seica na festa do Albariño, fai unhas reflexións termodinámicas coa dicción peculiar que a bebedela produce no contributo lingual dos fonemas. Dar dá a impresión de que tal fala é resultado dunha manipulación técnica; mais o certo é que o que lle empresta verosimilitude á hipótese do líder cun ponto de viño é precisamente o contido grotesco da declaración: "Poñer a mesma temperatura nun comercio de conxelados e nunha libraría, poñer a mesma temperatura nunha tenda de froitas e nunha de roupa é simplemente unha improvisación". Esquezamos que, fóra de poucas horas por ano, as tendas de conxelados, libros, roupa, froitas… todo pequeno e mediano comercio está neste país á temperatura resultante da exterior e a calor humana da clientela. Mais por riba, aínda o termo ‘conxelados’ querendo suxerir a necesidade de frío, os das tendas están en frigoríficos, polo que o local non require temperatura diferente da dunha libraría ou dunha tenda de estufas. Feijóo semella crer, como un seu camarada afirmou a propósito do mesmo tema, que 27ºC non son o mesmo en Andalucía do que en Cantabria. Deberon ser alumnos daquel físico primo de Rajoy que negaba a deriva climática.

A moita xente de Vigo halle acordar un xangalanciño do rueiro de Peniche que andaba cun caderno no que tomaba nota –dicía el– dos gastos e dos aforros. Se merco unha lingua de crema das que me gostan –explicaba abrindo a cartilla–, anoto o gasto aquí, na folla da esquerda; se vexo unha chambra que me gosta e non a merco, anoto o aforro na folla da dereita. –E aforras moito? –Moito. O outro día, nunha tertulia onde alguén lembrou o malpocadiño, outro parceiro sinalou o paralelismo notábel do seu argumento co do alcalde de Vigo cando foi interpelado polo inoportuno das luces de nadal que disque poñen a cidade no mundo, no contexto enerxético imposto polas colateralidades da guerra de Ucraína. Se as tiveramos acesas –razoou– de seis da tarde a unha da madrugada gastariamos un 14,5% máis do que imos gastar téndoas de seis e media a doce e media. Aforramos, por tanto, o duplo do que o Goberno pide.

Aí atrás sinalabamos aquí a frecuente inspiración do discurso dos nosos líderes en fontes como Cantinflas, Xan das Bolas ou Manquiña. Hoxe notamos a súa afinidade coas contas dun miñaxoia ou cun cavilar de pítima. É mágoa que estes pendores reduzan unha vez e outra o debate político a inxuria tabernaria, privándonos até do reproche xenuinamente político. Feijóo rematou o alegato das temperaturas acusando a Sánchez de improvisador autoritario e pedindo unha conferencia de presidentes autonómicos, se cadra para decidir se por riba do paralelo 40ºN conviña subir un grao a temperatura nas tendas de underwear –a roupa de embaixo de sempre–, ou se nas comunidades con ensino en inglés debería figurar o valor tamén na escala Fahrenheit. Habiámolo tomar máis a serio de comparar a Sánchez co escorpión da fábula, que aguilloou no medio do río na ranciña á que lle pedira que o pasara á outra beira. –Por que me picas, se sabes que ti tamén vas morrer? –É, señora, a miña natureza de alacrán.

Tamén en Sánchez foi a súa natureza, de montesío xacobino centralista, a que sustentou o seu impulso irresistíbel ao desprezo das autonomías, malia saber o cristo que lle ían armar os presidentes. Mais cremos que se Feijóo non lle aplicou esas tipificacións é por el compartillalas con ardor. E con moito máis mérito, xa que se Sánchez puido nutrir doadamente o centralismo na súa adolescencia madridense do instituto Ramiro de Maeztu, no cogulo culto de Serrano, Feijóo tivo que cultivalo con tesón cipaio e contra o pendor natural na excentricidade d’Os Peares. Pon medo pensar que estas sexan as xentes chamadas a dirixir a inesguellábel saída das crises climática, ecolóxica e social que nos degradan como humanos.

Comentarios