Opinión

Xustiza

Só se consegue o que non se sabe que é imposíbel, algo así dixo Jean Cocteau, e coido que subscribiremos este concepto. O que nos leva a pensar que un heroe, unha heroína, é alguén que descoñece que aquilo polo que loita está moi por encima da súa propia vida; un imposíbel, unha quimera, o que nos fai humanos, o que nos transforma neses deuses que con tanto anhelo creamos para vencer o medo á morte.
En 1985, na Arxentina, quen sobrevivimos de milagre, crebas illadas mais indisolubelmente unidas dunha xeración desfeita, loitamos, logo do descenso ao máis infernal dos infernos, por unha xustiza que nos parecía imposíbel e, por esa mesma razón, indispensábel. 

Eu lembro cada un deses días, os de antes, os do inferno, e os de despois, os da tímida aínda que brava esperanza, coma se alguén os escribise cun punzón no meu cerebro. E, particularmente, aquel 22 de abril (miña nena pequena cumpría tres aniños; miñas fillas naceron as tres en ditadura) de 1985, cando o imposíbel comezaba a semellar posíbel: a cúpula xenocida entraba nos Tribunais para ser xulgada. Altivos, coma se nada fose con eles, desafiantes, cheos de demoños dos inframundos.  

Unha publicación, O diario do Xuízo, transcribiu literalmente, unha a unha as xornadas daquela utopía sucedendo contra os horrores. Eu tíñaos todos. Alí estaban as voces, as valentes, heroicas voces das compañeiras e compañeiros que sobreviviron, relatando vexames que ninguén pensaría que un ser humano (?) podería inflixir a outro. Os pesadelos inenarrábeis, a verdadeira cara dos únicos demoños.

Nosoutrxs, sabiamos, mais non tanto. Tanto era impensábel. Entón, a sociedade arxentina que ollara cara o nada durante oito malditos anos, que festexara os goles dun Mundial amañado e apoiara a invasión das Malvinas, espertaba de vez. Aquilo ninguén podía soportalo. 

O Nunca Máis (libro, 1984) fora o resultado do informe da Conadep (comisión nacional sobre a desaparición de persoas), grupo de notábeis creado polo presidente Alfonsín nos primeiros tempos do seu curto mandato. O xa histórico informe rexistrou uns 10.000 testemuños de vítimas. A Conadep foi consciente dun xenocidio, da existencia dun só demoño, do decimado dunha xeración heroica, do comezo da impensábel xustiza.  

O xuízo, o documento máis importante da historia sobre os dereitos humanos, alcanzou un veredicto o 9 de decembro de 1985. O proceso foi oral e público; eu decidín non asistir por razóns de saúde, mais a tarde da resolución, o 9 de decembro de 1985, corrín sen parar as 18 rúas que separaban a miña casa do edificio de Tribunais. Sen respirar, cheguei cando comezaban a se ler as sentenzas. Había moita xente dos organismos de d.d h.h. Algúns xa nos coñeciamos, outrxs non, mais apertámonos todxs nunha risa e nun pranto que parecía mentira de tan verdade que era. Non vin aínda a peli, que festexo. Eu vivina. Sufrina. E sei que algo semellante á xustiza é posíbel.

Comentarios