Opinión

Os verdadeiros poderes

Resulta evidente que estes tempos son de absoluto descaro. Como se alguén dese unha orde de quitar as caretas e cousas que até hai nada nos parecían arrepiantes entran pola nosa gorxa coa axuda dun bo antiácido.

Claro que vén á mente aquel tema de Discepolín, Yira yira, e é aí onde o temíbel século XX comeza a se encoller ante a nosa vista, á vista, precisamente, das fábricas de andrómenas e a sofisticada represión de clase do XXI.

Dentro dese aparello de "control", antes da aparición dos antidisturbios, hai ducias de filtros que impiden non só expresarse a todos os seres humanos, tamén que se exerza nas relacións entre eles algo de xustiza. Falamos dunha verdade de Perogrullo, mais dubido que ninguén, lonxe da ignorancia ou o cinismo, poida crer que todxs somos iguais, igualmente tratadxs e medidxs pola mesma vara. As mulleres sabemos diso.

As burguesías, as oligarquías, en todas partes atoparon un xeito de sinalar quen manda e quen é o mandado. Conseguiron que moitos dxs seus fillxs puidesen acceder á  xudicatura. Formaron unha caste férrea e casposa (con excepcións, por suposto) que está ao que está: a defender os intereses da súa clase, salvando os seus amigos, liquidando a golpe de sentencias os seus inimigos.

Un goberno de progreso ten a obriga de transformar unha institución tan clasista que pon no banco dos acusados sempre os mesmos, que negocia cos poderosos para absolver e condenar a conveniencia. Viviron cun halo de respectabilidade considerándose intocábeis a ollos de todo o mundo, unha elite por riba dos demais. Mais a súa esencia delátaos. Para chegar a xuíz, case exclusivamente, hai que pertencer á crème da crème.

Ninguén que non teña recursos a esgalla pode permitirse estar anos para definir o seu estado laboral. Son burgueses defendendo os seus privilexios. E así o demostran cada vez que as papas queiman.

Na Arxentina, e en toda Latinoamérica, levan anos deturpando a soberanía popular. Dominan os recursos da chamada lawfare e aplícanos cando a cousa se lle vai das mans ao stablishment. Así botaron da pista a Dilma Rousseff, Lula da Silva, Rafael Correa. Así pretenden facelo con Cristina Fernández.

A todxs estes mandatarios, que elixiu a xente, intenta este partido xudicial, que ninguén votou, cortarlle as pernas. Sen un mínimo de respecto pola lei que din defender, sen un mínimo de respecto polas institucións que din representar, con respecto cero pola vontade popular.

Convídovos a investigar en medios alternativos, hai moitos. Falar só da última causa que se lle interpuxo á vicepresidenta arxentina e na que o fiscal pide unha pena de 12 anos de cárcere (un por cada ano de goberno), levaríame caracteres como para escribir un libro. Quedádevos con isto: non queren derrubala polos seus erros, que ten, como todxs, queren aniquilala polos seus acertos. "Mágoa que na Arxentina non haxa pena de morte", dixo un destes individuos. Pensade.

Comentarios