Opinión

A resistíbel ascensión dos monstros

Nestes días distópicos, cando as novas que veñen do mundo exterior, máis aló das prácticas que condicionaron e aínda condicionan a nosa existencia dende hai case dous anos, revélanse uns desexos profundos, polo menos en min, de liscar deste planeta e ir parar a un outro calquera, preferentemente deshabitado. 

Vénme entón á cabeza aquela obra brillante asinada por Bertolt Brecht e que hoxe sabemos tiña unha coautora, a súa derradeira parella Margarete Steffin. Tamén coñecemos agora que as colaboracións non se reduciron a esa obra nin a esa parella, senón que foron tan prolíficas como a factoría Brecht. Mais o bo de Bertolt non considerou nunca a posibilidade de compartir a autoría, cousa que el explicaba co concepto marxista da creación colectiva e a non existencia nin recoñecemento da propiedade privada. Aínda que, de acordo a eses principios, moi loábeis en segundo que ocasións, talvez non debería deixar que figurase o seu nome con toda claridade. Mais nisto non é nin moito menos único o bo de Bertolt, como moi ben sabemos as mulleres. A historia está chea de falsas autorías, doutras non recoñecidas, e de moitas subsumidas sen dereito nin á perrencha.

Porén, na miña xuventude, cando non sabiamos demasiadas cousas e as sutilezas ideolóxicas e os seus matices ían encamiñadas por outras corredoiras, o bo de Bertolt era para nós, mulleres e homes, un símbolo, un artista de vangarda, un referente cultural dificilmente superábel. Até lle adxudicabamos aquel poema que recitabamos de memoria "Primeiro levaron os socialistas / e eu non dixen nada / porque eu non era socialista", do pastor luterano alemán Martin Niemöller e que tan ben acae, infelizmente, nestes tempos nefastos. 

Tampouco se trata de quitarlle méritos a Brecht; mais que nada, dende hai xa un tempo, o que nos gustaría é estabelecer un pouco de xustiza para as nosas irmás, aínda que sexa póstuma e simbólica e, concretamente nesta circunstancia, falar dunha obra extraordinaria: A resistíbel ascensión de Arturo Ui

Esta peza dramática foi escrita en 1941, din que no termo de tres semanas, mentres o bo de Bertolt, exiliado en Helsinqui, agardaba por un visado que lle permitise ingresar nos Estados Unidos. Nesa obra, non estreada até 1959 (USA), despois da morte de Brecht na entón RDA (1956), foi concibida para explicar a 'evitábel' ascensión de Hitler ao poder, a irrupción desapiadada do Terceiro Reich, o nazismo en Europa e as múltiples complicidades necesarias para que iso ocorrese. A acción transcorre no Chicago da crise do 29, esa década pobre e turbulenta, no mundo dos gánsteres, o comercio e a política. Deste xeito, Brecht e Steffin crean unha réplica esperpéntica (non moito máis que a da realidade alemá) do réxime nazi, a súa maldade banal, o acceso ao poder mediante o terror, o crime, a traizón e o engano.

Estamos nas vésperas dun retroceso atroz, hai que evitar o ascenso dos monstros.

Comentarios