Opinión

Pérez

Quen de nosoutras non soñou coa xustiza poética? Quen non soñou que algunha vez fósemos nós as que gañásemos, as que  non rematásemos polo chan co corpo sangrando fendido en dous? Quen de nós non soñou que as falcatruadas das que fomos vítimas toda a nosa vida (en maior ou menor medida sufrímolas todas) teñan, á fin, un castigo, unha pena, un custo a pagar. 

Ou é que non estades fartas da impunidade, do crime sen castigo, do branqueado de acosadores, maltratadores e machistas de todo tipo? 
Daría algo grande por un pouco de xustiza; un #Metoo global que sacudise as entrañas do patriarcado. Sentencias exemplares que servisen de exemplo, que fixesen pensar aos torturadores de mulleres en que facer antes de facelo. 

Soñar non custa nada, e para iso as feministas temos as nosas escritoras. As que afincan os dentes na merda e sacan refulxindo a daga da xustiza. A que, polo de agora, non é mais que poética. 

E entón xurdiu Pérez, a primeira novela de Llerena Perozo Porteiro, que mete o dedo na chaga e o retorce como cómpre a toda xusticeira. 

Pérez, Historia dun triunfo (Galaxia), é unha novela chea de xustiza poética. É tamén unha novela de denuncia, de exposición de dramas máis que posíbeis, de rescate de historias normalmente esquecidas. A ritmo de thriller audiovisual, con todos os ingredientes para atraer a nosa atención, desenvolvese a trama de Pérez, un triunfador dos que o sistema elixe por psicópata e que perde nesta novela  todos os seus malignos poderes. 

Comentarios