Opinión

Paco

Romperei a norma de falar de mulleres. Aínda que a amizade, e o xeito de entendela, tamén é cousa de mulleres feministas. E a amizade cos homes compañeiros de traballo nesa aventura solitaria que adoita ser a vida dxs artistas. 

Vou falar dun home que acaba de deixarnos, antes de tempo, e, sobre todo, antes de que toda esa potencia extraordinaria que posuía e que compartía coa humanidade se acabase. Foise Paco Pestana, aínda que para nós: unha cidade, unha provincia, un país, custe tanto recoñecelo. Porque para o seu grupo máis próximo, ao que tiven a sorte de pertencer, ou para calquera persoa que o tratase, o sentido de fonda perda vai ser compartido.

Coñecín a Paco Pestana nos 90, acabada de chegar «das Américas», como diría el. Dende entón souben que esa aparencia de macho rudo era un agocho tras do que estaba un dos homes máis sensíbeis, bos e xenerosos que coñecín na vida. Non houbo cousa que eu fixese que non contase co alento de Paco, coas súas mans colaborando, coa su extraordinaria cabeza aportando ideas para mellorala. Mais, alén de min e o profundo afecto que lle teño (o afecto non morre), Paco Pestana foi un representante único da cultura deste país, alguén que deixou unha pegada tan enorme, que quen pescude sobre o seu traballo vai levar as mans á cabeza. Escultor, pintor, debuxante, performer, showman, pensador, poeta, cociñeiro, pai.  Paco era un mundo de mundos, un ser doutra galaxia.

Negoulle o establishment unha chea de recoñecementos merecidos. Pido dende aquí que, polo menos agora, sexa lembrado como corresponde: espazos públicos no país co seu nome, xa.

Comentarios