Opinión

Os pasos cara atrás

Que ocorre cando temos a sensación de perdelo todo? Non o material, diso xa se encargan que o perdamos todos os días. O conseguido con tanto esforzo, con tanta mobilización, con tanta porta petada durante décadas.

A lóxica deste mundo, ao que cada día vemos con ollos de maior espanto.

As novas que chegan do imperio falan da posíbel perda dun dos dereitos fundamentais das mulleres: o de seren as donas dos seus corpos, o de decidir sobre eles.

Porque, como di Amnistía Internacional: "O acceso ao aborto é un dereito humano".  E as feministas sabemos dabondo que este dereito é un dos alicerces da nosa loita: algo innegociábel. Un dereito no que os Estados garantan a nosa liberdade, a nosa seguridade, a nosa vida.    

O estado de Texas acaba de prohibir o aborto a partir das seis semanas de embarazo (antes de que a maioría das mulleres saiban que están embarazadas). A lei, ademais, anima á cidadanía a ser policía, linguateira, acusona: ofrece unha recompensa de 10.000 dólares a quen denuncie as mulleres ou a persoas sospeitosas de axudalas a abortar. Un retroceso de cinco décadas. Quédalles Canadá.

Agora, nada menos que o Tribunal Supremo dos EEUU, con maioría conservadora, é o que está en disposición de anular o dereito que lles custou tanto acadar ás estadounidenses, en 1974 (e que aínda moitas mulleres no mundo non conseguiron, ou fixérono hai  pouco, como as arxentinas). Negar o dereito ao aborto implica anular un conxunto de dereitos humanos: o dereito á autonomía das mulleres, á saúde, á vida. Non é un dereito illado: atinxe á saúde sexual e reprodutiva, á igualdade social e económica, á saúde mental da maioría da poboación. Penalizar o aborto é naturalizar as persecucións ás mulleres e aos profesionais que practican as IVE, de modo ningún eliminalo. Cunha gran vulnerabilidade, as mulleres van seguir abortando; é un feito comprobado.

No patio traseiro, neste Estado que cada día semella menos unha democracia, sectores retrógrados vinculados co fascismo e as igrexas manipulan os máis inestábeis dos seus adeptos para que vaian montar un espectáculo patético e inquisitorial diante das clínicas que fan abortos, co fin de facer dano (outra cousa non se me ocorre) ás mulleres. Isto só acontece por dúas razóns: porque se lles permite e porque non se actúa contra o persoal médico que se nega a realizalos nos hospitais públicos. Porque nunca foi un dereito totalmente protexido. Nada que sexa das mulleres o é.

Así vai este 2022, dando pasos cara a tempos sen dereitos. Acabamos de saber que os talibáns ―si, eses, os que deixaron USA e a EU en Afganistán para que esmagasen as mulleres, os que dicían que se civilizaran, bla, bla, bla― anunciaron que se impón, por lei, o uso do burka nos espazos públicos. Aquí encarceran as mulleres que defenden xs fillxs dos maltratadores (Juana Rivas, María Salmerón). Negan a violencia machista. Intentarán ir contra o aborto. Espertamos?

Comentarios