Opinión

Onde máis doe

Pasadas xa dúas décadas do século XXI, e como nos anunciara Simone de Beauvoir, as mulleres non só non consolidamos dereitos, estamos a perder aqueles que tanto nos custou acadar. Para mostra, a nefasta actuación do Tribunal Supremo da nación máis poderosa e perigosa das nacións (Adrienne Rich dixit), cun golpe na caluga que retrotrae a loita das mulleres 50 anos atrás.

Lonxe de parar, a violencia machista non se detén; temos, ademais, a sensación de que é aceptada socialmente como algo que non pode mudar.

A propaganda dos grupos filofascistas negándoa, a naturalización do disparate e o esperpento, fan que teñamos que renovar o esforzo para que esta batalla entre o sentido común e a estupidez non nos subsuma. E non permitir que se vexan como normais feitos aberrantes: o máis tráxico, a expresión máis perversa do machismo patriarcal que é a violencia vicaria.

Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forense arxentina residente en Madrid, unha das más firmes activistas contra o falso SAP (Síndrome de Alienación Parental), foi quen acuñou a expresión "violencia vicaria", internacionalmente aceptada para definir a peor das torturas que se poden inflixir ás mulleres: o asasinato das súas fillas ou fillos. O golpe irreversíbel do que tamén fala Sonia Vaccaro.

De 2013 a 2021 a violencia vicaria produciu 46 vítimas mortais, 46 rapazas e rapazas aos que os seus proxenitores asasinaron

O ano pasado tiven a honra de participar dun documental, creado e dirixido pola cineasta uruguaia Manane Rodríguez, que trata este tema: Onde máis doe.

Manane Rodríguez reside en Galicia dende hai décadas e é co-fundadora, en 1994 na Coruña, da produtora Xamalú Filmes (xunto a Xabier Bermúdez). A ditadura cívico-militar uruguaia obrigouna a emprender moi nova o camiño do exilio e ela, como tantas compañeiras e compañeiros, asumiu o compromiso vital de continuar a loita polos dereitos humanos dende a súa propia barricada cultural. Nese senso ten realizado varios filmes como directora, guionista e produtora. Toda unha vida creando crítica e conciencia detrás dunha cámara. Despois de dirixir dúas curtametraxes de ficción, Xogo de Café (Premio Luís Buñuel da Vila), Golpe a golpe (Targa de Prata en Torino) e a curta documental Rara Avis, dirixe a súa primeira longametraxe: Retrato de muller con home ao fondo (1996), á que seguen Os pasos perdidos (2001), Un conto para Olivia (2006), Un axuste de contas (2009), Memorias rotas (2010) e Migas de pan (2016), seleccionada para representar Uruguai nos Óscar (2017).

Onde máis doe, o seu penúltimo documental, estreouse este ano no 25 Festival de Málaga. Unha fita moi pouco ao uso, dunha exquisita realización por tratarse, precisamente, dun tema tan doloroso que aborda unha desgraciada historia real. A dun pequeno de 11 anos vítima mortal do seu proxenitor, quen acabou coa súa vida asestándolle un golpe cunha pá nun bosque da Barra, o Día da Nai. Marcos Mirás é o nome do filicida; hai que nomear os vitimarios, os xenocidas deste holocausto.

Os monstros, non son tal, son fillos sans dun sistema en descomposición atoparon o xeito máis efectivo de matar

De 2013 a 2021, segundo o Ministerio de Igualdade do Estado, a violencia vicaria produciu 46 vítimas mortais, 46 rapazas e rapazas aos que os seus proxenitores asasinaron. Dende que soubemos que Bretón queimou o seu fillo e a súa filla, que Oubel, o asasino de Moaña, atravesou cunha radial as súas nenas, que o criminal Gimeno afogou a súa filla Olivia, de só 6 anos (aínda non se sabe que foi da pequena Anna), puidemos ver os rostros do horror máis absoluto. As facianas dun mundo que se desprega en cores diante de nós e que fala dunha cada vez maior deshumanidade.

Os monstros, non son tal, son fillos sans dun sistema en descomposición atoparon o xeito máis efectivo de matar. A estocada perfecta: onde máis doe.

Manane Rodríguez crea unha poética para amosarnos o horror. Sen chisco de amarelismo, esteticamente impecábel, por cuxas fendas flúe, inevitabelmente, toda a dor e a impotencia. Con fotogramas que sinalan sen mostrar, entrevistas (Montse Fajardo, Paz Filgueira e outras), recortes do xuízo ao filicida, a directora constrúe un fermoso e crítico filme documental, que vai servir para espertar conciencias. Para espertarmos desta modorra enfermiza que non só non salva, senón que nos condena como sociedade.

Comentarios