Opinión

O voo do papaventos

Hai países neste planeta que semellan estar abocados ás desgrazas, e non precisamente porque sexan pobres en recursos naturais, senón porque os teñen en abundancia ou están situados en enclaves que os poderes do mundo precisan controlar. Tal é o caso de Afganistán, un país de estrutura tribal, punto de encontro de imperios e civilizacións e cruzamento de importantes polos comerciais. O 40% da súa poboación vive por baixo do limiar da pobreza e, malia que o BM enmarque estas desigualdades en percibir uns dous dólares ao día, sabemos que iso alí é bastante utópico. E, como en todas as sociedades onde a desigualdade devén maiúscula, quen resultan máis prexudicadas son as mulleres e as nenas.

O pobo afgán vén sufrindo dende hai décadas, por unha ou outra razón, mais as mulleres, cada tanto ao longo da historia daquel país, senten nas súas carnes a ameaza de perder o conseguido cun enorme esforzo, sexa isto o que sexa.  

O convivir coa violencia e que esta forme parte indisolúbel da túa vida é algo que mamamos quen nacemos en Latinoamérica nos anos 50, con poucas excepcións e distintos matices, polo que nos é doado imaxinar a bestialidade talibán. Un clima de violencia coa forma dun funil que se asaña coas persoas máis desfavorecidas, sobre todo coas mulleres e as nenas. Para as mulleres e as nenas afgás, vivir é sobrevivir ao cazador, sexa quen sexa, poñer o corpo e enfrontar a morte cada día. Malia iso, saen á rúa e protestan, non son moitas, mais protestan polas que nin sequera poden imaxinar facelo.

As mulleres e as nenas (os nenos pobres soportan unha escravitude sexual consentida, exercida por pedófilos poderosos, a bicha bazi), sofren a violencia machista propia da humanidade mesma, á que se engaden as misóxinas leis dos talibán, mestura de fundamentalismo islámico e pastún. Esta situación intolerábel agudízase nas zonas rurais, onde as vítimas non contan con ningún tipo de protección. Nestas circunstancias, as denuncias sobre violencia contra as mulleres e as nenas segue unha tendencia á baixa; as mulleres temen as represalias familiares e non confían nas autoridades. En consecuencia, os autores de malleiras, castigos corporais, feminicidios quedan, case sempre, impunes. Unha estrutura moi feble que se desfai pola parte máis vulnerábel. As mulleres están atrapadas nunha arañeira e a comunidade internacional non fai ren por defendelas. Este é o mundo no que vivimos. Di a poeta Nāzo Anā nun poema: "A miña beleza florece e seca nun momento, como un sorriso que chega e se desvanece para sempre". As mulleres temos que estar sempre alerta.

A xente que foi quen de dinamitar esculturas ancestrais, que entra nunha maternidade e rebenta a cabeza dos bebés, que mete as mulleres nunha armadura de tea que as anula por completo (impídelles o acceso á educación, á saúde, á vida) pode facelo porque o mundo cala. E así prohibiron até que voasen os papaventos.  

Comentarios