Opinión

Mulleres, vida, liberdade máis ca nunca

Nestes tempos distópicos, unha muller, que vai contra a súa propia esencia e a de todas, gaña as eleccións na Italia dos eternos contrasentidos. Mentres, no Irán dos aiatolás e da "policía da moral", outras mulleres libran a súa propia batalla contra ese terror.

Hai que lembrar que as iranianas reivindicaron a súa condición dende o comezo do triunfo dos aiatolás fronte ás perdas constantes dos seus dereitos básicos. Loitas, maiormente minoritarias, acaladas con crueza polas forzas represivas do Estado e agochadas polo Occidente, que sempre mira cara a outro lado, como ben sabemos pola experiencia das kurdas e das afgás, entre tantas.

A diferenza, desta vez, é que algo cheira a podre no mundo —non só "en Dinamarca"— e no berce dos gardiáns da moral do Irán islámico. Nazanin Armanian, a politóloga iraniana exiliada no Estado español, ten moi claros os motivos destas protestas, que van máis aló do detonante das mesmas: o asasinato a mans das forzas policiais dunha rapaza de 22 anos de orixe kurda, Masha Amini, detida por non levar ben posto o hijab. Por suposto que reclaman xustiza por Masha Amini (pertencente ao sector kurdo da esquerda iraniana, respectado pola poboación), mais están indignadas por décadas de atropelos. Lembrade a avogada Nasrin Sotoudeh, condenada por defender a moitas mulleres rebeldes contra o veo e outras inxustizas a 38 anos de prisión e 148 lategazos. Ás aldraxes diarias contra as mulleres súmanse unha inflación dun 400% que afecta a millóns de persoas, o desemprego, especialmente xuvenil e cualificado, próximo ao 20%, o peche de fábricas, a corrupción (que a poboación percibe en aumento) e as execucións constantes de ecoloxistas, disidentes, líderes e lideresas sociais, homosexuais, até unha arrepiante cifra de 350 persoas no que vai de ano.

Ás protestas, cada vez máis arriscadas, valentes, desafiantes, están a sumarse homes que as apoian, que cortan o seu pelo coma as mulleres, que o queiman, que dan conta do seu absoluto rexeitamento ao réxime. 

Medran as protestas e medra tamén a represión e os asasinatos que ninguén pode precisar debido á opacidade dos represores, mais son decenas deles. Nestes tempos nos que agroman e florecen as ayuso, as olona, as meloni, as le pen, as ditadoras como jeanine áñez (a utilización das minúsculas é claramente intencional), sostida polos golpistas en Bolivia (cumprindo, con xustiza, prisión por varios delitos como subverter a orde constitucional e o asasinato de cidadáns bolivianxs, definíndose a si mesma coma vítima e "presa política"), nestes mesmos tempos, cando as norteamericanas van ter que pelexar, como só o saben facer as mulleres, para reconquistar o dereito ao aborto do que as despoxou unha corte suprema (tamén é intencional a minúscula) de dinosauros, as feministas do mundo, divididas e confusas,   avanzamos tan lonxe como podemos. Xuntas, berrando: "Pola vida e a liberdade".

Comentarios