Opinión

Holocausto

Outro 25N. Algunhas de nós levamos décadas e décadas divulgando, loitando en contra, tratando de manter en axenda o tema da violencia contra as mulleres. O raio que non cesa, o túnel que aínda non deixa ver a luz. 

Din que as mulleres denuncian máis, e hai que celebralo, aínda que as mensaxes de odio disparadas polos fascistas de quenda e branqueadas polos medios fan moitísimo dano. Unha contrarrevolución feminista está a organizarse no planeta. 

Dentro desas violencias descargadas contra os nosos corpos e a nosa integridade está a escravitude máis antiga do mundo: a prostitución. Hoxe sabemos da súa consolidación e da obtención máxima de beneficios que acada coa Trata. Máis do 80% das mulleres prostituídas son traficadas e tratadas. As distintas nacionalidades da pobreza forman fila detrás deste negocio tan criminal como lucrativo.

Hai 20 anos, María Xosé Porteiro escribiu Covardes. Unha novela negra (das de verdade, non das que chaman así e son novelas policiais) que relata a historia de mulleres moi novas traficadas dende Portugal para os prostíbulos de Vigo. Daquela foi unha obra pioneira que revelou información que moita xente descoñecía e outra xente (covarde) calaba. Acaba de publicarse agora (Belagua), coa perspectiva de todos estes anos de loita feminista, os avances e os retrocesos. Infortunadamente segue a ter vixencia, e mesmo esa consolidación da que falabamos.           

Nestes momentos, con dúbidas e liortas nas nosas propias filas e cun exército de odiadores tentando esmagarnos, o que a mestra Queizán chamou o Holocausto das mulleres é cada día máis visíbel.  

Comentarios