Opinión

Cervantes

O Premio Cervantes lembrouse das mulleres e de Latinoamérica. Do «paisito», pequeno en tamaño mais non en calidade literaria. E foi Cristina Peri Rossi, quen leva unha vida en Catalunya tras fuxir da ditadura, a elixida.

Nas 45 edicións anteriores, dende 1976 até hoxe, levaron o premio, «relativamente» dotado xa que recoñece a traxectoria, 40 autores (en 1979 houbo un ex-equo entre Borges e Gerardo Diego), é 6 autoras. Dúas uruguaias, a gran Ida Vitale e agora Cristina Peri Rossi, a cubana Dulce María Loynaz, a mexicana Elena Poniatowska, as españolas María Zambrano e Ana María Matute. Unha enorme minoría, como era de esperar.

O Cervantes non podía escapar a tantos exemplos de ocultación das mulleres. Sen ir máis lonxe, o Día das Letras Galegas que non nos recoñece nin mortas. Dende 1963, en 58 edicións, só recoñeceu (e non con pouco esforzo pola nosa banda) a obra de 6 autoras falecidas. Todo un récord.

A historia está ben lonxe de ser xusta, así que eu decido celebrar o galardón da miña conmatriota. Levamos lendo dende hai décadas esa obra nas marxes, que expresou con liberdade os desexos que non eran socialmente ben mirados, valente e persoal. Unha boa homenaxe na intención libre e erótica para a enorme poeta vítima de feminicidio, tamén uruguaia, Delmira Agustini.

Hai xente que non acepta que Cristina Peri Rossi non entendera o tema de Catalunya. Non o entendeu, como outros célebres que se chaman de esquerdas. Ninguén é perfectx. Porén, se medimos con esa vara a incríbel listaxe dos superxenios literarios que derrapan por conductas inadmisíbeis, quedamos sen literatura.  

Comentarios