Opinión

As criadas do conto

Esta guerra, coa que nos agasallan os 'mandamases' do mundo, despois da pandemia e antes do meteorito (se queda algo aquí cando o meteorito estoupe), ademais de ser, como todas, un absoluto disparate, pon sobre o taboleiro centos de costuras mal feitas. Para empezar, que aqueles versos de León Felipe que falaban de que o berce do home o arrolan con contos, que os berros de angustia do home os afogan con contos, que o pranto do home o taponan con contos, que os ósos do home os enterran con contos e que o medo do home inventou todos os contos, teñen absoluta vixencia (cambiar home por ser humano).

De todos os xeitos, non é desta guerra (que pode ter consecuencias letais para a humanidade) do que vou falar, senón dos dereitos das mulleres e das crianzas. Das mulleres ucraínas e das mulleres pobres, en cuestión. Porque hai que ver como nos lembramos das kurdas, das palestinas, das afgás, das iemenís, das saharianas ou das guatemaltecas, que non estarán en guerra mais si están en guerra contra elas, quitándolles dereitos fundamentais adquiridos con sangue, suor e bágoas como mares. Este 8M será lembrado en Guatemala como un día de burla e menosprezo ás mulleres; mentres estas se manifestaban polos seus dereitos, o Congreso aprobaba unha norma para perseguir o aborto, o matrimonio igualitario e calquera política educativa que defenda a diversidade sexual. Chin Pun.

Mais volvamos a Ucraína, onde O conto da criada é a triste realidade que viven mais de 2.500 ucraínas ao ano. Xa sabedes, ese negocio que só se lle puido ocorrer a uns desalmadxs e que alimentan outrxs desalmadxs. Ricos, iso si. Ou polo menos abastados. Porque todas estas "fábricas de pitos", das que as mulleres mais pobres son as principais vítimas abastecedoras, son, evidentemente, un business moi rendíbel.

Ucraína é o país máis pobre de Europa, o 40% da poboación vive (é un dicir), cuns 60 euros ao mes. Iso coloca ás mulleres pobres no top ten da pobreza mais miserenta. Ucraína é logo o paraíso dxs desalmadxs que mercan e venden seres humanxs.

Para facelo alí, para obrigar a un ser humano (muller) a hormonarse e pasar un parto tras outro, como quen se desprende dun flato, precísanse tres veces menos cartos que para facelo nos USA, onde, como xa sabedes, calquera brutalidade é legal, diñeiro mediante.

Moita desa clientela que, ademais, prefire carne loura e ollos azuis por aquilo do adn mitocondrial, é Made in Spain. Agora, coa guerra, están preocupadxs e berrando coma tolxs porque a "mercancía" podrece e xa pagaron por ela.

Pregúntome quen vai mirar por eses nenos e nenas fabricados en serie e a pedido, e que vai ser desas pobres mozas, que tiveron que facer do seu corpo unha fabrica de carne.

Como si todo o que sabemos non abondara, a lei ucraína permite aos estranxeirxs recorrer a esta práctica, só se son un matrimonio heterosexual. As mulleres cobran o 0,9% da transacción. Non sexa cousa.

Comentarios