Opinión

Almudena

Algunhas persoas son capaces de transportar con elas os universos todos, e de  arrastrar a luz e carrexala aos días de silencios e de ruínas; son as que asaltan os ceos de tormenta e fan florecer as nosas voces; as que viven para amolloar no albo da memoria e quencer os derrotados espíritos; as que queiman as naves e camiñan sobre as augas até tanxer o horizonte e apaxar as agochadas utopías; algunhas persoas, son donas de escribir sobre torcidas liñas e aleitar a esperanza desfollada en inverno, balizar cos seus pasos os rumbos que perdemos, sinalar cos seus xestos sempre o norte, apelicar os ósos que aínda non achamos, fixar os nomes borrados dos vencidos, sobre bases máis sólidas que calquera das aliaxes coñecidas; deixar as súas pegadas sobre o xeo, a area fina do último deserto, a historia interminábel das infamias anónimas, e elevar as súas verbas por riba dos balbordos de animalias feroces; algunhas persoas desartellan as trampas sen compases nin mapas, pulverizan os enganosos argumentos das bestas, resisten treboadas e mudanzas, falsos eloxios e insultos verdadeiros, noites sen lúas nin estrelas fugaces, para rachar as pugas e os aramados; algunhas persoas teiman en destecer o manto de Penélope e volven refacelo coa paciencia de Arakne, rexeitan as estatuas dos heroes e aniñan nos arrabaldes da poesía; dormen co sono xusto, exacta a vixilia, apertada a confianza, desfeitas as maletas, amoreada a nostalxia e a verdade espelida; fan do seu tempo un tempo colectivo, son tan imprescindíbeis como o ar, a chuvia, o lume, e non se van, non poden, aquí o seu facho segue vivo.

Comentarios